A Área de Orientación Laboral do campus organiza unha charla sobre busca activa de emprego o mércores 20 na EPS
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acollerá o vindeiro mércores 20 de marzo, a partir das 11.00 horas, unha charla sobre orientación laboral e busca de emprego, que será impartida pola responsable da Área de Orientación e Información Laboral do campus de Lugo, Gloria Cruz.
A programación da carreira profesional, os pasos a seguir na busca activa de emprego, as características e os condicionantes do mercado laboral, o márketing persoal e os recursos dispoñibles para a busca activa de emprego constitúen algunhas das claves sobre as que disertará Gloria Cruz durante a súa intervención, que se desenvolverá no salón de actos da EPS do campus de Lugo. Esta técnico de orientación laboral tamén informará aos asistentes á sesión sobre as distintas bolsas e prácticas ás que poden acceder estudantes e titulados/as universitarios/as, así como das posibilidades de emprego en Europa. Os tipos de currículo e cartas de presentación, os mecanismos máis habituais nos procesos de selección (entrevistas, dinámicas...) e os perfís profesionais demandados polas empresas serán outros dos temas analizados pola poñente nesta charla.
Os interesados en asistir a esta xornada de orientación laboral poden formalizar a súa inscrición de xeito totalmente gratuíto a través enderezo de correo electrónico emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es). Os solicitantes indicarán os datos persoais nas súas respectivas mensaxes e precisarán no asunto que se refiren á charla de orientación laboral.