Ir o contido principal

A Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago organiza dous obradoiros sobre técnicas de busca de emprego

A Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago organiza no mes de xuño dous obradoiros gratuítos sobre técnicas de busca de emprego dirixidos a estudantes de últimos cursos e titulados recentes.
O mércores, 4 de xuño, desenvolverase un primeiro obradoiro sobre a elaboración do currículo no que se abordarán contidos relacionados coas técnicas para a súa redacción e a da carta de presentación, os diferentes tipos que existen e a importancia de levar a cabo unha busca activa e eficiente de emprego.
A semana seguinte, o mércores 11, haberá unha segunda sesión sobre a preparación de procesos de selección. Nela ofrecerase información sobre as principais técnicas de selección de persoal e as súas finalidades e formas de aplicación, ademais de proporcionarlles aos universitarios recursos cos que poidan afrontar con éxito o seu acceso ao mercado laboral.
Ambas as dúas actividades enfócanse dende o punto de vista da optimización do proceso de busca de emprego e do apoio á inserción profesional dos universitarios.
Os obradoiros desenvolveranse de 10:00 a 12:00 horas nas dependencias do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social (Casas Reais nº 8). Os interesados deben inscribirse previamente na oficina da Área de Orientación Laboral ou por teléfono a través da extensión 12850.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2008.