Ir o contido principal

A Área de Orientación Laboral organiza dous novos obradoiros sobre técnicas de busca de emprego

Optimizar o proceso de busca de emprego e facilitar a inserción profesional dos universitarios. Esta é a vontade coa que a Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago organiza a vindeira semana dous novos obradoiros sobre técnicas de busca de emprego, dirixidos a estudantes de últimos cursos e titulados recentes da USC.
A primeira das propostas chegará o mércores 21 coa celebración dun obradoiro sobre o proceso de elaboración do currículo. Abordaranse contidos relacionados coas técnicas para a redacción do currículo e da carta de presentación, os diferentes tipos que existen e a súa importancia para levar a cabo unha busca activa e eficiente de emprego.
Na segunda sesión programada avaliarase a preparación dos procesos de selección ofrecendo orientación sobre as principais técnicas de selección de persoal, as súas finalidades e formas de aplicación, así como proporcionando recursos aos universitarios para afrontar o seu acceso ao mercado laboral con éxito.
Como xa ocorrera nos anteriores do mes de marzo, estes obradoiros son gratuítos e vanse celebrar en horario de 10:00 a 13:00 horas nas dependencias do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social (r/Casas Reais nº 8).
Dada a boa aceptación destes obradoiros, a Área de Orientación Laboral-SAEE ten previsto realizar unha terceira edición en próximas datas, da que se achegará información á comunidade universitaria oportunamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2010.