Ir o contido principal

A área de Xestión Académica da USC renova o seu sistema de xestión da calidade conforme á norma ISO 9001:2008

A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade agradeceu a implicación dos servizos que conforman a área de Xestión en presenza de Martín Pita, Jesús López Romalde e Carlos Gómez Otero. Foto:...
A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade agradeceu a implicación dos servizos que conforman a área de Xestión en presenza de Martín Pita, Jesús López Romalde e Carlos Gómez Otero. Foto:...

A Área de Xestión Académica da USC recibiu este martes 15 a certificación que acredita o proceso de renovación do seu sistema de xestión da calidade segundo a norma UNE-EN ISO 9001:2008. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, recibiuna de mans do director en Galicia de AENOR, Martín Pita López. No acto, celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, tamén interviñeron o vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde, e o secretario xeral adxunto, Carlos Gómez Otero, a quen acompañaron unha representación do equipo de xerencia da USC e do conxunto de servizos que integran a área de Xestión Académica. A USC acadara este certificado en 2005 para o seu servizo de xestión da oferta e programación académica, xestión académica e para as Unidades de Xestión Académica dos campus de Santiago e Lugo. Logo dunha renovación en 2008 e 2011, agora recibe outra prórroga de tres anos, unha vez realizadas as obrigadas auditorías anuais, que se estenderá ata o próximo 2017. No servizo de xestión da oferta e programación académica as actividades obxecto da certificación son as da oferta da libre elección, a determinación do límite de prazas e a planificación académica anual (elaboración e aprobación da PDA, elaboración e aprobación do POD e confección da oferta académica) para titulacións oficiais e propias de 1º e 2º Ciclo, grao e máster oficial. Pola súa banda, para o servizo de xestión académica aválase a calidade da xestión administrativa dos procesos de admisión e matrícula, recepción de actas e títulos, libre elección e recoñecemento de actividades, adaptacións e validacións, actos académicos e certificacións para titulacións oficiais e propias. A certificación fai extensible igualmente a certificación de calidade ao tratamento de queixas , suxestións e recursos administrativos recibidos. Normas ISO As normas ISO, ferramentas de mellora internacionalmente admitidas, son un conxunto de regras de carácter social e organizativo para mellorar e potenciar as relacións entre os membros dunha organización. A súa aplicación redunda na mellora das capacidades e rendemento tendo como resultado último conseguir un aumento da calidade final do servizo para así acadar unha maior satisfacción dos seus usuarios. Aenor é, ademais do representante español das organizacións internacionais ISO, unha entidade dedicada ao desenvolvemento da normalización e da certificación en todos os sectores industriais e de servizos. Ten como propósito contribuír á mellora da calidade e a competitividade das organización.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2014.