Ir o contido principal

Argos 2019 premia un proxecto de comercialización de feromonas naturais e outro de comunicación accesible

Representantes dos dous equipos gañadores recolleron o galardón no acto celebrado en Fonseca. Foto: Santi Alvite
Representantes dos dous equipos gañadores recolleron o galardón no acto celebrado en Fonseca. Foto: Santi Alvite
O programa Argos é unha convocatoria para conformar equipos interdisciplinares de persoas emprendedoras e ás que se lles facilita acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente
Lugo, Santiago de Compostela

BioPher e Sensa Comunicación son as dúas propostas gañadoras da sétima edición do programa Argos para a creación de equipos emprendedores, cuxos premios se entregaron este venres no Colexio de Fonseca. BioPher concíbese como unha empresa de base tecnolóxica que ten como obxectivo “a implementación dun protocolo experimental nunca antes proposto que permita o desenvolvemento e comercialización de produtos feromonais naturais como estratexia innovadora para a mellora do benestar e da produción animal”. Pola súa banda, Sensa Comunicación (Axencia de Comunicación Accesible) pretende proporcionar produtos e servizos para administración pública e empresas, adaptando as novas tecnoloxías para persoas con discapacidade. Mediante a produción e desenvolvemento de novas ferramentas dixitais, os contidos das páxinas web, aplicacións e da comunicación en xeral estarán en formato accesible para persoas con discapacidade auditiva, visual ou intelectual.

No acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca participaron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a deputada da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo, Ana González Abelleira; o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Pedro Arenas Barreiro; a subdirectora da Oficina Galicia Emprende da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Fany Suárez Mansilla; e o director da AVTE da USC, José Luis Villaverde Acuña. Na presentación edición concorreron un total de oito equipos, cinco na modalidade Spin e os tres restantes na de Enxeño.

Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do Programa Argos da USC, cuxo obxectivo é conformar equipos interdisciplinares de persoas emprendedoras e ás que se lles facilita acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. Esta é unha convocatoria dirixida a alumnado de últimos anos de grao, posgrao, máster, doutoramento ou titulados/as das últimas promocións, así como persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Santiago e Lugo.

A convocatoria contempla dúas modalidades recoñecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha: Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC), nesta ocasión para BioPher, e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) que foi para Sensa Comunicación. Os premios inclúen seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa conta ademais co apoio da Deputación de Lugo, IGAPE e GAIN.

O xurado dos premios estivo conformado polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; o técnicos de servizos xerais da Área de Competitividade do IGAPE, Roberto Vieites Rodríguez; o axente de desenvolvemento local do Servizo de Apoio á Empresa da Oficina de Promoción do Concello de Santiago, Cándido Fernández Ferreirós; a técnica da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Verónica Castelo Liñares; a xefa de sección de Promoción Económica e Emprego da Deputación de Lugo, Julia Vázquez Silvarrey; e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán García.

Neste edición conformáronse un total de oito equipos interdisciplinares. Foto: Santi Alvite
Neste edición conformáronse un total de oito equipos interdisciplinares. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2020.