Ir o contido principal

Argos busca integrantes para os seus equipos emprendedores multidisciplinares

Argos busca integrantes para os seus equipos emprendedores multidisciplinares
Argos busca integrantes para os seus equipos emprendedores multidisciplinares
Este programa mantén aberto ata o 25 de setembro o prazo de inscrición

Tomando como eixo o traballo en equipo e unha estratexia de ‘aprender facendo’ o programa Argos mantén aberto ata o 25 de setembro o prazo de inscrición da súa edición correspondente a 2015, nunha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O obxectivo desta convocatoria é conformar equipos interdisciplinares aos que se facilitará acompañemento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. O programa susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dun persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderá ser a base do seu plan de empresa. Argos está dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Están previstas tres fases que comezarán en outubro coa participación en varias sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Nun segundo momento procederase á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal do programa Argos para a súa presentación cara mediados de marzo ante un xurado. Ao remate do programa, os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC e Argos Enxeño, para proxectos a partir de ideas propias) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñibles en www.uninova.org ou en http://www.usc.es/avte, que deberá remitirse por correo electrónico a argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es). As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.08.2015.