Ir o contido principal

O arqueólogo Celso R. Cao e Lucus Ensemble guían este xoves a última visita do programa ‘Noite na Domus’

O primeiro dos dous pases previstos comeza ás 20.45 horas

O programa ‘Noite na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, chega ao seu fina este xoves 4 de maio, a partir das 20.45 horas, coa última quenda de visitas musicadas ao xacemento mitraico.

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será tamén o encargado de guiar esta última quenda de visitas, a través da que a se pretende afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada pola xacemento que permita ao espectador achegarse tamén aos diferentes períodos coas súas composicións sonoras como referencia. Daquela, logo das intervencións de Solo Voces ou Germán Díaz, a formación Lucus Ensemble será a encargada de transmitir este xoves a música que escoitaban os antepasados.

O programa Noite na Domus permitirá aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era e persoa encargada da recada tributaria no Norte peninsular. De feito, como curiosidade cómpre dicir que a propia ara ou altar na honra de Mitra fai máis fincapé en cuestións de recadación que de devoción.

Celso R. Cao guiará a visita pola historia que amosa o propio xacemento. A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación do arqueólogo, quen chegado a este punto do itinerario histórico fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros asuntos relacionados, tales como o son o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo.

Chegados ao século XVIII, o programa Noite na Domus posibilitará unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2017.