Ir o contido principal

O arqueólogo Celso Rodríguez Cao ofrece este mércores 26 o relatorio ‘Domus, Mitreo e Statio Lucensis’ na Casa do Saber

O arqueólogo e director do proxecto de escavación do solar anexo á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo no que se atopa a Domus do Mitreo e sobre o que se edificou a Casa do Saber, Celso Rodríguez Cao ofrecerá este mércores, a partir das 20.00 horas, o relatorio ‘ Domus, Mitreo e Statio Lucensis’.

A intervención de Rodríguez Cao encádrase dentro do ciclo ‘Que foi, como aconteceu’, organizado pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus de Lugo, e completarase con posteriores visitas guiadas dos membros deste colectivo universitario sénior ao museo que acubillan o devandito xacemento arqueolóxico mitraico. Rodríguez Cao lembrará no seu relatorio como a USC adquiriu o edificio do Pazo de Montenegro coa pretensión de acubillar neste inmoble a Vicerreitoría e un espazo cultural de vangarda. As obras de rehabilitación e acondicionamento realizadas e a investigación arqueolóxica desenvolvida e que ilustra a evolución deste solar situado dentro do recinto amurallado ao longo de 2.000 anos, serán outras das cuestións abordadas. A arquitectura romana (domus) e as súas manifestacións ao longo dos séculos, pero sobre todo a construción do mitreo e a ara de gratino achada nas escavacións, serán os eixos do relatorio de Rodríguez Cao, quen explicará a relevancia da información que aporta esta ara, que é proba da existencia dunha statio de cabeza de distrito do convento na cidade de Lucus Augusti.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2014.