Ir o contido principal

O arquitecto César Portela pronuncia en Ciencias Económicas a conferencia 'Promoción inmobiliaria vs especulación inmobiliaria'

A intervención forma parte do acto de clausura do curso de posgrao en Xestión da Promoción Inmobiliaria

O curso de posgrao en Xestión da Promoción Inmobiliaria celebra este venres 29 a clausura oficial da súa cuarta edición nun acto que presidirá o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló. Na sesión tamén está prevista a asistencia da decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo; da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero Cepeda; e a directora do curso, Mª Celia López Penabad.
A sesión comezará ás 18:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa conferencia que pronunciará o arquitecto César Portela titulada ‘Promoción inmobiliaria vs especulación inmobiliaria’. Deseguido procederase á clausura oficial deste posgrao propio da USC.
O Curso de Xestión da Promoción Inmobiliaria, coa colaboración da Consellaría de Vivenda e Solo, aborda todos os temas que debe coñecer un profesional deste ámbito dende o momento inicial da adquisición do solo ata o momento final da entrega do ben ao cliente. No programa, os alumnos recibiron formación sobre réxime xurídico, xestión urbanística e vivenda; a problemática contable e a fiscalidade inmobiliaria; e o financiamento e análise de viabilidade de promocións inmobiliarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2007.