Ir o contido principal

Arranca AddVenture cunha sesión presencial para traballar a proposta de valor dos proxectos emprendedores

A benvida institucional tivo lugar no CEA
A benvida institucional tivo lugar no CEA
A terceira promoción do programa universitario de emprendemento e innovación, impulsado polos Consellos Sociais da UDC e a USC, conta con 30 alumnos e 18 proxectos de negocio

A terceira edición de AddVenture, programa universitario de emprendemento e innovación impulsado polos Consellos Sociais das Universidades da Coruña e Santiago, botou a andar este xoves cunha xornada inaugural presencial deseñada para activar os primeiros pasos dos proxectos de negocio das persoas participantes.

A apertura tivo lugar na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados (CEA) e nela interviñeron a secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado; e a directora de Procesos de Innovación e Emprendemento en Corporacións en TeamLabs, Irati Lekue.

18 proxectos de negocio e 30 persoas emprendedoras
Esta sesión intensiva, denominada Hackaton, contou con dinámicas prácticas e de equipo. Ao longo da xornada e da man de expertos en emprendemento, o alumnado de AddVenture revisou o estado dos seus proxectos, traballou a súa proposta de valor e profundou nas ferramentas e maneiras innovadoras de abordar as necesidades dos seus usuarios e do mercado de cada proxecto. O Hackaton ten como obxectivo impulsar o inicio dos emprendementos, buscar sinerxías, promover o networking e a aprendizaxe colaborativa.

Nesta terceira promoción que agora se pon en marcha seleccionouse 30 emprendedores e emprendedoras con 18 proxectos empresariais en diferentes estados, desde aqueles que comezan de cero a outros que desexan transformar o seu proxecto coa axuda dos expertos e mentores que imparten o curso. O alumnado é diverso e multidisciplinar e procede de Galicia, outras zonas de España (Burgos, Murcia e Tarragona) e do mundo (Arxentina, Alxeria, Hungría, Brasil e Cuba).

Ao longo dos próximos meses, os participantes desenvolverán as súas ideas en sesións formativas e colaborativas que culminarán o 17 de xullo coa presentación final de proxectos en Santiago de Compostela.

AddVenture: aprender a emprender
AddVenture é un programa de emprendemento e innovación promovido e financiado polos Consellos Sociais da UDC e a USC, en colaboración con TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. O curso aplica a metodoloxía LEINN – Liderazgo Emprendedor e Innovación- e está dirixido a persoas tituladas, egresadas, posgraduadas e profesionais que desexan dar forma a un proxecto de emprendemento propio con acompañamento experto e enfoque práctico.

Nos seus dúas primeiras promocións, AddVenture capacitou máis de 50 persoas emprendedoras e máis de 20 proxectos consolidándose como unha referencia na formación para o emprendemento en Galicia.
 

Foto de grupo das persoas participantes
Foto de grupo das persoas participantes
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2025.