Arranca a segunda edición do Programa de Acompañamento de Estudantes
Dar a coñecer a lingua e cultura galega entre os alumnos de intercambio participantes nos Programas Sócrates-Erasmus, Séneca-Sicue e Convenios Bilaterais é o obxectivo principal da 2ª edición do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE), presentado este martes no Colexio de Fonseca.
No acto deuse a benvida aos estudantes estranxeiros e nel participaron tres alumnos con experiencia en programas de intercambio. Procedentes da República Checa, Uzbekistán e Galicia, comentaron dende unha perspectiva máis lúdica a importancia de coñecer unha nova cultura e idioma.
Ademais, asistiron á presentación o vicerreitor de Relacións Internacionais, Lourenzo Fernández; o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; o coordinador de Relacións Exteriores da USC, Francisco Javier Sanjiao; o presidente da Mesa de Normalización Lingüística, Carlos Callón; e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.
Francisco Sanjiao resumiu as bases do PAE e animou a todas as persoas a participar nesta iniciativa que, como subliñou Lourenzo Fernández Prieto, facilita a aprendizaxe de moitas linguas ao mesmo tempo que se adquire unha vivencia “inesquecible”. Nesta liña, Carlos Callón falou da situación do idioma en Galicia dende o pasado ata a actualidade. Pola súa banda, Xosé Manuel Iglesias describiu Compostela como cidade de referencia, “aberta tanto para estudar como para gozar do tempo libre”.
Programa PAEOs alumnos da USC que participen no PAE, recoñecido cun crédito de libre configuración, realizarán un seminario de formación que inclúe tópicos como a organización e planificación de actividades integradoras, os servizos de apoio aos estudantes de intercambio na USC, multiculturalidade e integración nas comunidades de acollida ou a recepción dos foráneos na sociedade galega.
A primeira sesión formativa, impartida por Javier Sanjiao, terá lugar este xoves 9, ás 9:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. O seminario continuará ao día seguinte no mesmo lugar para tratar a diversidade e integración nas comunidades de acollida.
O PAE tamén contará con visitas guiadas a institucións públicas e privadas nas que poderán coñecer distintas fórmulas e contextos cos que mostrar valores propios, e despois comprometerse a acompañalos e orientalos dando a coñecer a especificidade do “ser galego”.
Programa ErasmusDentro dos Programas de Mobilidade, o Erasmus concentra dende a súa posta en marcha na USC, hai vinte anos, o maior fluxo de estudantes tanto de envío como de recepción. En liñas xerais, contabilizouse unha tendencia evolutiva á alza na acollida de alumnos procedentes de países da UE e do Espazo Económico Europeo acadándose nos últimos tres cursos preto de 700.
No período 2004-2008 recibíronse 2.641 alumnos e enviáronse 1.834. Os países que mandan máis estudantes á USC son Italia, Francia, Alemaña e Portugal e a maioría vai á Facultade de Filoloxía. O principal destino dende a USC é Italia despois de Portugal, Reino Unido e Francia. Principalmente, a maior mobilidade rexístrase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Pola súa banda, o Programa Convenios Bilateriais acadou un maior incremento no fluxo, sobre todo, na recepción de alumnos fronte a un menor envío.