Ir o contido principal

Arrancan os campus científicos de verán na USC

Máis dun cento de estudantes de ESO e Bacharelato de toda España compartirán inquedanzas científicas na Universidade de Santiago durante o mes de xullo. Será nos campus científicos de verán, unha iniciativa dos Ministerios de Educación, Cultura e Deporte e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía que conta co patrocinio da Obra Social ‘la Caixa’. A inauguración destas xornadas, que na USC coordina o profesor e responsable do programa A Ponte Luis Hervella, terá lugar o luns, 1 de xullo, ás 10.00 horas no Salón de Actos da Residencia Colexio Maior Fonseca (Campus Vida) presidida polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet. Acudirán os estudantes de 1º de bacharelato que estarán na USC durante a primeira quincena. O resto, de 4º de ESO, virán na segunda. Os que se acheguen este mes a Santiago terán a posibilidade de participar en catro proxectos científicos: ‘Sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijoo; ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’, de Ricardo Vázquez López; ‘A maxia dos hidroxeles’, de Francisco Javier Otero Espinar; e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ de Mª. Victoria Otero Espinar. Campus Científicos Esta é a cuarta edición do programa, que conta coa colaboración de 16 universidades con Campus de Excelencia Internacional certificados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na que terán lugar as estadías. Neste campus foméntase a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, necesarios para incrementar a competitividade da industria española e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Á vez favorécese a transferencia do coñecemento en talento innovador e emprendedor, especialmente entre o máis novos, e facilítase que esperten vocacións científicas e se avive o seu interese tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2013.