Ir o contido principal

Arrancan no CGAC as III Xornadas da paisaxe 'Paseantes, viaxeiros e paisaxes'

Os profesores da USC María Luisa Sobrino Manzanares e Federico López Silvestre dirixen as III Xornadas da Paisaxe que este martes, día 16, comezan no CGAC baixo o lema ‘Paseantes, viaxeiros e paisaxes’. Nesta ocasión, e logo das celebradas en 2006 sobre novas estéticas e estruturas da paisaxe, tomarase o paseo como clave na súa construción.
A sesión deste martes iniciarase ás 16:30 horas coa presentación do seminario a cargo dos profesores responsables e do director do CGAC, Manuel Olveira. A continuación, o filósofo Jacques Leenhardt falará da ‘Filosofía do paseo’ e o profesor da USC Marcial Gondar pronunciará a charla ‘Labregos que andan, urbanitas que pasean. Dúas cosmovisións sobre o territorio’.
Investigando os camiñosO encontro supón a continuación dunha liña de investigación centrada na análise dos diferentes factores que interveñen no contorno natural e urbano. Trátase de destacar a capacidade estruturadora dos camiños no territorio e, especialmente, de salientar cómo ese paseo está tamén na orixe das experiencias estéticas que axudaron a dar forma a algunhas das prácticas literarias, artísticas e arquitectónicas máis interesantes da actualidade.
Este terceiro foro conta coa participación de profesionais como os artistas Perejaume, Bleda y Rosa, Montserrat Altet e Ignacio Pérez-Jofre; o arquitecto Francesco Careri; o enxeñeiro Miguel Aguiló; os xeógrafos Joan Nogué e Nicolás Ortega; historiadores da arte como Carmen Pena, Manuel Segade e Rubén Blanco; o musicólogo Juan-Gil López; o filósofo Gonzálo Barrena; e o especialista en xeopoética César Domínguez Prieto.
Na sesión do mércores os relatorios centraranse na evolución ‘Da xeografía nómade á enxeñaría de camiños’ para o xoves analizar as historias e elaboración das paisaxes desde a experiencia do percorrido. Por último, o venres dedicarase ao andar como práctica estética. Froito dos traballos derivados de cada xornada editaranse os seus respectivos catálogos, coa colaboración extraordinaria na última publicación do artista británico Richard Long, referencia internacional da arte conceptual e a land-art.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2007.