Ir o contido principal

Arrancan os Graos de Matemáticas e Ciencia Política e da Administración

Adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, as novas titulacións abren cun acto de benvida ao alumnado

As Facultades de Matemáticas e de Ciencias Políticas e Sociais recibirán o luns 22 ao estudantado dos novos títulos de Grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. Os actos de benvida serán, ás 9:00 horas, na Sala 0.1 para os estudantes en Ciencia Política e da Administración e, ás 10:00 horas, no Salón de Graos para os de Matemáticas.
Implantados a partir deste curso académico na Universidade de Santiago, os Graos contarán cunha duración de 4 anos, de formación xeralista, adaptada ás necesidades do mercado de traballo e un traballo continuado por parte do alumno. O equipo docente empregarán novos mecanismos de coordinación de tarefas entre as distintas materias, realidade que se revela imprescindible para un mellor seguimento do esforzo do alumnado.
Grao de MatemáticasOs máis de sesenta estudantes matriculados no Grao de Matemáticas serán recibidos polo decano do centro, Juan Viaño Rey, que repartirá a guía da Facultade e resumirá as características do plan de estudos. A sesión continuará ás 10:20 horas informando do uso da biblioteca por parte da súa directora Rosa Bassave e das aulas de informática a cargo do técnico de sistemas Manuel Seijas.
A profesora responsable das relación co ensino medio, Carmen Carollo, presentará, ás 10:40 horas, ao grupo de 6 alumnos-titores, formados especialmente para acompañar aos novos estudantes durante todo o curso tratando de axudalos a resolver os atrancos do inicio da vida universitaria. O paseo pola Facultade darase ás 11:15 horas e, ás 12:00 horas, a sesión rematará na Aula 6 coa realización dunha enquisa de coñecementos.
Grao de Ciencia Política e da AdministraciónA decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais presidirá a inauguración da nova titulación cun acto ao que tamén asistirá o responsable do Programa de Titores de Alumnos de Primeiro Ciclo, o profesor Luís María Hervella Torron.
No encontro de benvida resumiranse as características do Grao de Ciencia Política e da Administración ao mesmo tempo que se presentarán aos alumnos-titores do centro. Tamén se ocuparán de orientar aos estudantes de primeiro ciclo respecto de todos os servizos que ofrece a USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2008.