Arrancou a novena edición do programa Santander Explorer ‘Mozos con ideas’ no Explorer Space USC Santiago

Explorer USC Santiago inaugurou este martes 6 a novena edición do programa Santander Explorer ‘ Mozos con ideas’ nunha sesión no seu Espazo no Edificio Emprendia (Campus Vida), que presidiu a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey. Tamén interviñeron o subdirector Xeral de Emprego, Juan José Lirón Lago; o representante da delegación Secot (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) da Coruña, Ramón Lois; o coordinador de Explorer USC Santiago, José Manuel Rebolo González; e o director da oficina universitaria do Banco Santander, Álvaro Fernández Martín.
Persoas de entre 18 e 31 anos de Santiago de Compostela son as destinatarias desta edición do programa Santander Explorer ‘Mozos con ideas’ que impulsa o talento e a xeración de ideas innovadoras entre a mocidade. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia. Da magnitude desta iniciativa dá conta a creación de 500 empresas ou a incorporación de preto de mil emprendedores con mil proxectos en toda España.
A través de 19 proxectos, as 30 persoas seleccionadas benefícianse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento no Edificio Emprendia do Campus Vida, onde contan con espazo físico para desenvolver a súa idea e relacionarse con outros emprendedores, ademais de recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía reciben asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto.
Para a selección de participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria persoal, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio.
Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, o mellor proxecto emprendedor de Explorer USC Santiago realizará unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional más importante en innovación e emprendemento, onde se lle brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Tamén se outorgará o premio Woman Explorer Award- impulsado pola Fundación EY- que premiará con 20.000 ao mellor proxecto liderado por unha muller e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award –impulsado por INDRA-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio más innovador.