Ir o contido principal

Arrinca este domingo a Semana de Benvida no Campus de Lugo cunha ruta polo Camiño Primitivo e o concerto de Aló Irmao

O Convenio Lugo Cultural, formado pola USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia, dará comezo este domingo 19 ás actividades organizadas dentro da Semana de Benvida, que se prolongará ata o día 26. A programación, que combina a música, o teatro, a danza, as exposicións e as rutas, está coordinada pola Oficina de Cultura do Campus de Lugo, da vicerreitoría de Cultura.
A primeira destas actividades será unha ruta polo Camiño Primitivo, dirixida por Lois Diéguez, con saída do barrio da Chanca, ás 17:00 horas. Un total de 18 persoas participarán nesta ruta, na que se recibirán explicacións sobre a mesma e na que os participantes irán atopando polo camiño actores que irán contando a historia de Lugo. Haberá tamén unha performance co título ‘Henriqueta, onde estás’, baseada no libro de Lois Diéguez ‘Henriqueta na galería’. Os actores son membros da Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo.
A música ocupa un lugar destacado na programación da Semana da Benvida, cun estilo diferente en cada xornada. O primeiro concerto será tamén o 19, ás 21:00 horas, na praza de Santa María, a cargo de Aló Irmao (Manecas Costas e Fran Pérez). O luns 20 o concerto, a cargo de Magritte, serán no Auditorio da Facultade de Veterinaria, tamén as 21:00 horas.
A danza será unha importante novidade na Semana de Benvida, xa que se presentará ao público á compañía independente Traspédiante, que actuará en escaparates de tendas, vestíbulos e distintos lugares da cidade dentro do ciclo ‘Xa que pasas’. Este grupo independente naceu dentro do Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura e está formado por Marta Alonso e Begoña Cuquejo. O luns estarán ás 10:00 e ás 17:00 na Escola de Formación do Profesorado e ás 13:00 e ás 18:00 no escaparate da tenda de Nora Real, situada na Praza Maior. O martes e o mércores tamén actuarán nos distintos centros do Campus.
Resto da semanaO martes haberá dous concertos, un ás 14:00 horas, a cargo de Panume, nos tellados da explanada do aulario da Facultade de Veterinaria; e o outro ás 21:00 horas, no Conservatorio de Música, a cargo do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura.
O grupo Mr. Dixie Jazz Band dará continuidade ao apartado musical o mércores 22 ás 14:00 horas na cristaleira de Facultade de Veterinaria e Mala Herba estará o xoves ás 21:00 na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Esta última actuación se engloba dentro do ciclo Lubicán. Os concertos rematarán o venres 24, ás 20:30 horas, no Círculo das Artes, coa actuación da Orquestra de Cámara Galega.
Dentro da programación destaca tamén a conferencia de José María García Martínez, periodista especializado en jazz, o mércores 22 ás 20:00 horas, na Escola de Formación do Profesorado; e a actuación de Odin Teatre, de Dinamarca, que visitan por primeira vez Galicia. Representarán “As grandes cidades baixo a lúa’, dirixida por Eugenio Barba, o domingo 26, ás 20:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire. Este grupo está de xira por España, onde realizará catro actuacións noutras tantas cidades.
Dentro da programación o próximo sábado 25, a partir das 10:30, haberá outra ruta de sendeirismo polo Miño, nesta ocasión dirixida por Xurxo de Vivero e Eduardo Ochoa, con saída do miradoiro do Parque Rosalía de Castro.
A banda deseñada volve ser protagonista nas fachadas dos edificios universitarios e manteranse abertas as exposicións ‘Tolerancia Zero’, na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, e unha reportaxe fotográfica da Compañía de Teatro da USC na súa representación de ‘A Ronda’. Pode visitarse na Facultade de Ciencias.
As actuacións serán de entrada libre e gratuíta agás a representación teatral, que terá un prezo de 5 euros e unha entrada limitada de 400 persoas. A inscrición nas rutas e a compra de entradas para o teatro pode facerse na Oficina de Cultura da praza Pío XII.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2008.