Arte e matemáticas conflúen nunha exposición didáctica na Igrexa da Universidade

A Igrexa da Universidade albergará dende este venres 15 ata o 16 de maio a exposición ‘ RSME-Imaginary-Santiago’, unha mostra visual e interactiva na que se poden atopar imaxes, pantallas táctiles, esculturas e obxectos de natureza matemática. Cun dobre carácter, cultural e divulgativo, nela se aprecia que Matemáticas e Realidade e Matemáticas e Arte están en estreita conexión. A mostra inaugúrase este venres 15 ás 19.30 horas nun acto no que participarán o reitor da USC, Juan Casares; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o presidente da Real Sociedade Matemática Española, Antonio Campillo; a decana da Facultade compostelá, Victoria Otero; e o coordinador xeral da exposición, Sebastià Xambó. A imaxe como lugar de encontro RSME-IMAGINARY, organizada pola Real Sociedade Matemática Española con ocasión do seu centenario en 2011, é unha adaptación da exposición IMAGINARY, ideada e desenvolvida polo instituto alemán Mathematisches Forschungsinstitut Oberwolfach, e froito da participación internacional de matemáticos e artistas. O seu leitmotiv é a imaxe como lugar de encontro entre a realidade imaxinada e a visualización concreta dos obxectos matemáticos abstractos. Dende a súa creación, IMAGINARY visitou máis de 25 cidades en Alemaña, Austria, Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, Suíza e Ucraína, sumando en total máis dun millón de visitantes. A mostra enriquécese ademais con diversas actividades como conferencias divulgativas, concursos, accións na rúa, paseos matemáticos por Santiago e talleres dirixidos ao público en xeral. A exposición estará aberta en horario de 10:00 a 13:00 e de 18:30 a 20:30 horas, con algunhas quendas especiais os sábados pola mañá (os horarios definitivos poden consultarse na páxina web). Os centros de Ensino Secundario poderán solicitar visitas guiadas por monitores da exposición (estudantado e profesorado da Facultade de Matemáticas da USC). O sabor das matemáticas Paralelamente organizaranse diversas actividades co obxecto de achegar as matemáticas á sociedade e proporcionar unha visión máis ampla da súa aplicación na vida cotiá. Así, haberá conferencias semanais e talleres dirixidos ao público en xeral nas que se presentarán distintas aplicacións das matemáticas á industria, ao tecido produtivo e á sociedade, entre outros ámbitos. Entre estas actividade paralelas, e grazas á colaboración da Universidade de Málaga, RSME-IMAGINARY-SANTIAGO e RSME-IMAGINARY organízase unha exposición fotográfica, ‘O sabor das Matemáticas’, na que se amosan doce pratos excepcionais creados polo Café de París de Málaga, distinguido cunha estrela Michelín, que o matemático e fotógrafo Pedro Reyes Dueñas reflectiu a través da súa pegada. A coordinadora desta mostra é a profesora da Universidade de Málaga Mercedes Siles. Na colección búscase o elemento xeométrico como inspirador da forma culinaria. As figuras xeométricas que aparecen nos pratos, elaborados especialmente para a ocasión, son destacadas, ao igual que a súa fórmula alxébrica. É máis, querendo ir máis aló e explorar o paralelismo entre a creación matemática e a creación culinaria, de maneira simultánea terá lugar a exposición ‘ Universos paralelos dialogando’ onde se presentarán ambos universos en animada conversa. Ampla colaboración Coa Facultade de Matemáticas colabora na exposición a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Instituto de Matemáticas da USC, a rede IEMath-Galicia, as asociacións AGAPEMA e ENCIGA, a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, a Olimpíada Matemática Galega e ESTALMAT-Galicia. Victoria Otero e Mercedes Siles, antes un dos paneis que integran a exposición. Foto: Santi Alvite