Ir o contido principal

As artes escénicas toman Compostela ata o 9 de xullo grazas á USC

Cartel do evento
Cartel do evento
O festival USCénica 2022 bota a andar este luns 20 de xuño cun amplo repertorio de actuacións e un diverso programa formativo
Santiago de Compostela

USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo. Os espectáculos desenvolveranse na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e Terraza do Auditorio da Universidade (Avenida de Vigo, s/n. Campus Vida), así como no Teatro Principal (Rúa Nova, 21) e no Salón Teatro (Rúa Nova, 34). As entradas só poderán retirarse o mesmo día da función nos espazos onde se programa cada espectáculo, de acordo cos horarios que poden consultarse nesta ligazón.   

Os cursos USCénica comezan este luns 20, mentres que a primeira das actuacións, a cargo de Paraíso Teatro, desenvolverase na terraza do auditorio da Universidade, o martes 21, ás 22.00 horas. Baixo a dirección de Roberto Leal, a compañía interpretará ‘Os diarios de Eva e Adán (boleros no paraíso)’.

“En tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura. Por iso a USC, reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas”, explicou o reitor Antonio López.

Programa

Laboratorio escénico Coop, Avelina Pérez, Helena Salgueiro, Elas (Asociación Ámbar), VACAburra, Inversa Teatro, Diego Anido, Le BarLuthier, Estíbaliz Espinosa, Funboa Escénica, Límites (Corpo Colectivo Transfronteirizo), Elahood, Bárbara Domínguez ou The Swinging Flamingos son algúns dos nomes propios que integran o cartel desta edición aos que se suma a Aula de Teatro da USC coa obra ‘A casa a forza’. O horario e lugar de cada actuación pode consultarse na web de USCénica.

A formación é outro dos eixos sobre os que se asenta este festival. A inscrición nos cursos que oferta USCénica mantense aberta ata completar o número de prazas dispoñibles que ascende a oito en cada un dos cursos, excepto no Obradoiro de Waacking, que conta con 14 prazas. Para realizar a inscrición, a persoa interesada deberá dirixirse ao enderezo electrónico uscenica.cursos [at] usc.es (uscenica[dot]cursos[at]usc[dot]es), indicando nome e apelidos, DNI, teléfono de contacto e que curso ou cursos son do seu interese.

A programación deste ano aborda dende a introdución á composición musical en escena ou ao espazo escénico sonoro, pasando pola arte de acción,  a interpretación, ou mesmo a dirección escénica. Nesta ligazón pode consultarse a listaxe completa de cursos, así como o procedemento de matrícula. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2022.