Ir o contido principal

Un artigo co-escrito polo responsable da Unidade de Enerxía e Sustentabilidade da USC obtén o Premio Canarias ao mellor artigo de Enxeñaría e Medio Ambiente

O artigo Mejora de las instalaciones y de la eficiencia en el alumbrado de un aparcamiento público asinado polo responsable da Unidade de Enerxía e Sustentabilidade da USC; polo responsable de Mantemento da empresa Daviña de Santiago, Álvaro Piñeiro Fernández; e o profesor da Universidade Católica de Ávila Alfonso López Díaz, acaba de ser galardoado co Premio Canarias da Fundación Técnica Industrial. O texto agora premiado aborda o uso de novas tecnoloxías en alumeado público para a redución do consumo de enerxía e das emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas. Como poñen de manifesto os autores, a combinación da redución do horario de funcionamento das luminarias nocturnas con reloxos astronómicos e fotocélulas, o aumento da eficiencia enerxética das novas lámpadas de vapor de sodio, a eliminación de luminarias ineficientes ou a redución da potencia eléctrica de cada luminaria poden supoñer un aforro próximo ao 60% do consumo anual de enerxía e un período de retorno das inversións de aproximadamente vinte anos, que se recortará no caso de existir subvencións ou axudas. O premio Canarias é un dos que concede a Fundación Técnica Industrial ao mellor artigo da modalidade de Enxeñaría e Medio Ambiente publicado na revista da Fundación e patrocinado polos colexios de enxeñeiros técnicos industriais das Palmas e Santa Cruz de Tenerife.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.01.2013.