Ir o contido principal

A artista brasileira Christina Oiticica enterrou parte da súa obra no claustro da Facultade de Xeografía e Historia

Instante no que Christina Oiticica enterra a súa obra no claustro da Facultade de Historia
Instante no que Christina Oiticica enterra a súa obra no claustro da Facultade de Historia
A intervención forma parte dunha mostra que se poderá visitar en maio de 2009 en Santiago

A artista brasileira Christina Oiticica (Rio de Janeiro en 1951) chegou hoxe a Compostela para dar continuidade a un proxecto que se poderá visitar en maio de 2009 na Igrexa da Universidade baixo o título Camiño Peregrino, unhaprodución conxunta da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación Via Galego.
A pintora, muller do escritor Paulo Coelho, escolleu os xardíns do claustro da Facultade de Xeografía e Historia para que a terra dese espazo do século XVIII “faga o seu traballo”. Christina Oiticia é pioneira en aplicar unha particular técnica nas súas obras, combinando land art e pintura. Cree na pegada visible e invisible que deixa a natureza nas obras, á que considera coautora dos seus cadros.
Así foi como na mañá deste venres chegou ao centro compostelán e improvisou unha obra, a primeira que asina antes de ser enterrada, con imprimacións de pintura e pos “en cores azul e amarelo, as cores do Camiño” sobre unha placa de cobre que logo estampou sobre un lenzo. Desta intervención artística foi testemuña o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, que definiu á autora como unha artista “do Camiño no camiño”.
Ao remate enterrou as obras nos xardíns do claustro, onde permanecerán aproximadamente durante seis meses. “Pretendo que a enerxía da natureza interveña no traballo e o modifique como a ela máis lle conveña”, afirmou, ao tempo que compartía a “grande emoción” que sinte cando desenterra as obras. “Ás veces, polo efecto da propia natureza, nunca aparecen”, comentou.
Logo do acto na Facultade de Historia, a artista dirixiuse ao Monte do Gozo onde enterrou algúns cadros máis inspirándose nas vistas á Catedral de Santiago. A estas obras sumaranse en maio de 2009 as restantes que Christina Oiticica está a realizar en ruta polo Camiño de Santiago e que previsiblemente rematará en breve en Fisterra.
Christina OiticiaFormada na Escola de Belas Artes e no Museo de Arte Moderna de Río de Janeiro, Oiticica completou a súa formación na Facultade de Arquitectura Bennett da mesma cidade e no Círculo de Belas Artes de Madrid.
Christina Oiticica conta xa cunha dilatada carreira, que a ten levado a realizar exposicións individuais e colectivas en salas de todo o mundo. Caminho Peregrino tomará tamén a forma de libro, que será prologado polo propio Paulo Coelho e lanzado durante o ano 2009.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2008.