O artista coruñés Jorge Peteiro doa un dos seus cadros á USC

As paredes do recentemente inaugurado Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC comezan a vestirse de cor, nesta ocasión grazas á doazón do artista Jorge Peteiro (1959, A Coruña) dunha das súas obras, un óleo sobre lenzo de grandes dimensións que representa unha paisaxe de San Andrés de Teixido. A cesión deste cadro aspira a ser “un pacto de amizade e competencia leal entre San Andrés de Teixido e Santiago de Compostela”, aclara Jorge Peteiro, que “lime antigas rifas entre San Andrés e o apóstolo”. Conta a lenda, segundo o propio Peteiro, que o de Teixido queixábase de que Santiago lle restaba peregrinos, situación ante a que Deus decidiu mediar asegurándolle ao santo que a Andrés peregrinarían en romaría todos os mortais, ben de vivos, ben de mortos, baixo risco de “ converterse en bichos” se así non o facían. O acto de doazón tivo lugar esta mañá no propio centro, onde o reitor en funcións, Senén Barro, recibiu a obra de mans do propio artista, que no seu día ingresou na USC para cursar estudos de Psicoloxía e Empresariais. Jorge Peteiro A estadía na USC de Jorge Peteiro Vázquez, hoxe un dos artistas galegos de maior proxección, permitiulle tomar contacto con diversos grupos de clara tendencia contracultural que o levan a viaxar por museos e cidades de Italia, Francia e España ata rematar na Escola de Belas Artes de San Carlos, en Valencia, na que se gradúa. Logo de varias exposicións en Valencia e Galicia, Peteiro exerce como profesor de instituto en Ortigueira, Ribeira, A Póboa, Cambados e Betanzos, anos de experimentación nos que asenta as súas bases teóricas e pictóricas á vez que expón en mostras colectivas. A finais dos 80 abandona a docencia e se traslada a vivir a Nova York. Xa en 1992 instala o seu estudo na Coruña.