Ir o contido principal

O artista Kukas guiou aos integrantes do grupo 'Pinchacarneiro' na súa visita á exposición de monicreques

Kukas nun momento da visita cos rapaces de 'Pinchacarneiro'
Kukas nun momento da visita cos rapaces de 'Pinchacarneiro'

O artista ‘Kukas’, membro da Compañía de Teatro ‘Monicreques’, visitou a exposición ‘Facendo teatro con marionetas’ que estes días se atopa no Centro de Artesanía de Lugo e que recolle a traxectoria desta compañía. Kukas aproveitou a ocasión para realizar unha visita guiada para os rapaces do grupo de teatro ‘Pinchacarneiro’ acompañado polo vicerreitor de Cultura da USC, Elias J. Torres.
A compañía Monicreques expón nesta mostra o proceso de creación dunha marioneta e a súa evolución dende 1979. O horario de visitas para percorrela é de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e existe a posibilidade de organizar visitas guiadas.
Trátase dunha exposición antolóxica na que se recolle a evolución dos espectáculos da compañía como mostra representativa da historia contemporánea do teatro con marionetas en Galicia. Nela poderase ver o proceso de creación dunha marioneta mediante diferentes técnicas e estilos e tamén a ambientación dos bonecos como personaxes teatrais situados nun contexto escénico determinado.
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de maio, e con motivo da súa clausura a Compañía ‘Monicreques de Kukas’ estreará no Auditorio Gustavo Freire, ás 21:00 horas, a súa nova peza de teatro ‘Sen Título’.
Grupo de Teatro ‘Pinchacarneiro’

O grupo ‘Pinchacarneiro’ é o grupo de teatro da Fundación Anade en Galicia, que promove a inserción socio-laboral de persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental mediante actividades artísticas, principalmente teatrais. A compañía está formada por dezaseis actores que pertencen ás asociacións ASPNAIS, ALUME, COGAMI, e á Fundación Anade Galicia. O grupo ‘Pinchacarneiro’ porá en escena a obra ‘Pic-Nic’ de Fernando Arrabal dentro da V Mostra de Teatro Afeccionado de Lugo o martes 24 ás 11:00 horas da mañá no Auditorio Gustavo Freire.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2007.