Ir o contido principal

O artista Rodrigo Gomes reflexiona sobre a tecnoloxía e as súas posibilidades en 'Whispering Mirrors'

Detalle da exposición extraída da web persoal do creador. FOTO: https://rodrigogomes.xyz/html/whisperingmirrors.html
Detalle da exposición extraída da web persoal do creador. FOTO: https://rodrigogomes.xyz/html/whisperingmirrors.html
A mostra que se inaugura este sábado 15, poderá ser visitada ata o 3 de xuño de 2023, de mércores a sábado, na Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela

A mostra 'Whispering Mirrors', de Rodrigo Gomes, chega á Igrexa da Universidade este sábado 15 ao abeiro do programa 'Primavera Cultural'. Trátase do segundo momento deste proxecto do artista portugués que comezou en Carpintarias de São Lázaro en Lisboa (Portugal) en 2021. No acto de inauguración,  este sábado a partir das 18.00 horas, participan a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o artista Rodrigo Gomes, e o comisario da exposición, David Revés.

Partindo dunha reflexión sobre a tecnoloxía e as súas posibilidades materiais e virtuais, esta exposición propón conxecturar sobre a aparente previsibilidade do tempo e do espazo físico a través das súas mediacións obxectivas e dos seus correlatos subxectivos. Para iso, explora dispositivos materiais e atmosferas de fluxos especulares nos que esculturas, obxectos técnicos, imaxes e sons se constitúen como realidades animadas, desenvolvendo modos de existencia propios e configuracións espazo-temporais específicas.

Dialogando coa arquitectura da igrexa —os seus retablos, aras e obxectos de arte sacra— o espazo expositivo deséñase así como unha cápsula espazo-temporal, onde se exploran dinámicas de continxencia para os procesos de construción e vivenda no mundo. Deste xeito, prodúcese unha tensión permanente, ás veces por procesos de oposición, outras por liñas de continuidade, entre os movementos internos á tecnoloxía contemporánea e todas as aspiracións e crenzas que subxacen nos mecanismos da relixión. É dicir, entre todas estas pantasmas.

'Whispering Mirrors' foi  desenvolvida co Apoio à Internacionalização, da Direcção Geral das Artes da  República Portuguesa e poderá ser visitada ata o 3 de xuño de 2023, de mércores a sábado, e en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2023.