Artistas plásticas denuncian na Facultade de Historia a explotación na industria téxtil

Nunha instalación a modo de tenda de roupa varias artistas plásticas presentan quince pezas creadas a partir de roupa usada de compañías sobre as que existen informes de explotación laboral nos países do Sur. Farano na exposición ‘Mulleres Implic-Arte’ que se inaugurou este mércores na Facultade de Xeografía e Historia.
A iniciativa forma parte dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller Traballadora e do Centenario da incorporación da muller á Universidade auspiciados pola Comisión de Cultura da Facultade de Xeografía e Historia e patrocinados pola Vicerreitora de Calidade e Planificación.
A mostra, que permanecerá ata o 20 de maio no 3º andar da Facultade, pretende ser unha denuncia da explotación na industria téxtil. Xunto coas pezas expostas haberá paneis con información –por exemplo, do microcrédito como fonte de xeración de ingresos- e estudos de caso que contan a situación de traballadoras da industria téxtil e as beneficiarias que a ONG Implicadas no Desenvolvemento apoia na India e en Etiopía.
Tamén forman parte da exposición, coordinada pola artista galega Mar Caldas e a voluntaria Andrea Abreu, tres paneis con poesías do libro Moda Galega de María Reimóndez.
As artistas que participan no proxecto son Almudena Fernández, Berta Cáccamo, Andrea Costas, Carme Nogueira, Carmen Suárez, Itziar Ezquieta, Mar Caldas, As pingüinas, Renata Otero e Rosalía Pazo.