Arxentina ve na APLTA do Campus Terra da USC o modelo de centro de I+D+i que precisa o sector leiteiro do país suramericano
Arxentina ve na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC o modelo de centro de I+D+i que precisa o sector leiteiro do país suramericano para favorecer o seu impulso e modernización, tal e como o manifestaron produtores, así como representantes dalgunhas das industrias e empresas máis punteiras do sector, e mesmo responsables gobernamentais e doutras administracións públicas do país suramericano, no marco da última edición do Congreso da Escola Superior de Leitería de Arxentina, un foro sectorial que vén de desenvolverse na provincia de Córdoba e no que participaron como relatores investigadores da APLTA do Campus Terra da USC.
A participación dos representantes da APLTA neste congreso celebrado en Arxentina materializouse a través da presenza neste foro do responsable de I+D e Innovación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, Afonso Pérez Quintáns, así como do impulsor e ex coordinador da Aula de Produtos Lácteos Juan Méndez Dónega, quen aproveitou este encontro co sector leiteiro arxentino para presentar o Premio Innovación en Alimentación Saudable, promovido por Leite Larsa.
Pérez Quintáns, quen tamén mantivo diversos encontros con estudantes preuniversitarios que están a recibir formación nesta escola profesional, así como produtores e responsables empresarias da industria leiteira, un sector que está a experimentar un puxante crecemento nesta provincia de Arxentina, así como con persoal e técnicos de centros de investigación latinoamericanos, impartiu diversos relatorios sobre as micro propiedades que conteñen as proteínas do soro do leite, ao tempo que abordou outras cuestións relativas aos procesos de elaboración de queixo, tendencias e consumos de mercado.
Estas sesións de traballo, nas que tamén participaron diferentes responsables das administracións arxentinas, serviron tamén para manifestar publicamente o interese do sector por contar no país suramericano cun centro de I+D+i semellante á APLTA do Campus Terra da USC, unha plataforma de investigación de referencia para os países latinoamericanos que, ademais de procesos de formación estritamente ditos, tamén posibilita procedementos de investigación aplicada e desenvolvemento de novos produtos.
As capacidades e prestacións no eido do I+D+i que ofrece a APLTA da USC espertaron asemade novos intereses de centros tecnolóxicos e de investigación de Suramérica, cos que o centro universitario do Campus Terra da USC agarda establecer convenios e novas liñas de traballo conxuntas nas vindeiras datas, segundo indicou Pérez Quintáns.
Asistentes ao congreso