Ir o contido principal

A Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades comeza o luns 20 na USC

O presidente da Xunta entregará no Colexio de Fonseca o XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Mohamed ElBaradei

A Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades comeza o luns 20 na Universidade de Santiago unha nova xuntanza na que se inclúen diversas actividades, como a entrega do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Mohamed ElBaradei, a celebración dun seminario sobre ‘Balancing the books: revenue generation strategies in HE’, ou a xuntanza do Consello Xeral Anual do Grupo.

A entrega do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia terá lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 20:30 horas nunha sesión que presidirá o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e na que tamén participarán o reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen; así como o premiado Mohamed ElBaradei, Mohamed ElBaradei, Premio Nobel da Paz 2005.

O premio
A Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio que valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente. O galardón está dotado con 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.

Mohamed ElBaradei súmase deste xeito a un grupo do que xa forman parte o escritor e xornalista libanés Amin Maalouf; o ex presidente da Comisión Europea, Jacques Santer; o ex presidente da República Checa, Václav Havel; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling; o escritor neerlandés Cees Nooteboom; a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte; o arquitecto portugués Álvaro Siza; o investigador e catedrático da USC, Manuel Díaz y Díaz; o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler; o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski; o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia; o investigador Manuel Castells e Canal Arte.

Seminario
Con anterioridade, o mesmo luns 20, comezará no Centro de Estudos Avanzados (CEA) ás 15:00 horas o seminario ‘Balancing the books’, aberto ao conxunto da comunidade universitaria. O reitor Juan Casares e o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, serán os encargados de abrir o encontro que continuará o martes 21 de 9:30 a 12:00 horas coa celebración de dúas táboas redondas.

Completando o programa de actividades desta Asemblea Xeral, o Grupo celebrará o martes 21 no CEA unha sesión plenaria do seu Consello Xeral Anual. A clausura do encontro celebrarase no Casa Europa ese mesmo día a partir das 18:30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2010.