Asinadas as bases comúns do proceso de estabilización extraordinaria do persoal da USC

O acordo unánime obtido entre USC e organizacións sindicais permitiu a sinatura das bases comúns para o proceso de estabilización extraordinaria previsto na lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Nun acto celebrado no Colexio de San Xerome este martes 15, o xerente Javier Ferreira e representantes de CCOO, UGT, CIG e CSIF asinaron o texto acordado previamente na Mesa xeral de negociación da USC, celebrada a pasada semana. No acto interviñeron tamén Xurxo Proupín (CCOO), Xosé Carlos Macía (CIG), Pilar Expósito (CSIF) e Benjamín Rey (UGT).
A partir deste marco xeral, cada colectivo contará con criterios específicos, o que permitirá avanzar na posta en marcha das correspondentes convocatorias de xeito inmediato. Como se puxo de manifesto na xuntanza, a de Santiago convértese na primeira universidade española que chega a un acordo de estabilización para o Persoal Empregado Investigador (PEI) e a primeira galega en alcanzar un acordo que afecta aos tres colectivos, PAS, PEI e PDI. O acordo afecta a aproximadamente 200 persoas no conxunto da institución.
O documento establece que o proceso selectivo nos procesos de estabilización extraordinaria será o concurso e que a valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de 100 puntos. Os méritos profesionais valoraranse ata un máximo de 70 puntos, tendo en conta os últimos 10 anos de experiencia profesional, tanto no relativo aos servizos prestados na propia escala, categoría ou praza, como a experiencia acreditada en calquera outra administración pública diferente da USC. Os outros méritos computarán ata un total de 30 puntos, tendo en conta a formación relacionada co posto de traballo, a titulación académica, unha memoria e outros méritos de interese relacionados.
Constituirase un único tribunal de selección para cada colectivo dos contemplados na oferta de emprego público de estabilización extraordinaria para o ano 2022, formado por cinco membros e que cumprirá os criterios de paridade e o principio de especialidade.
Acordo unánime
A USC acadou coa representación sindical, o pasado 8 de novembro, un acordo unánime sobre os criterios conxuntos dos procesos de estabilización extraordinarios do seu persoal derivados da aplicación da Lei 20/2021. No marco dunha mesa xeral, presidida polo xerente Javier Ferreira, e que contou con representantes sindicais de CCOO, CIG, CSIF, UGT e CIUS, definíronse as bases xerais que rexerán os procesos para Persoal Docente e Investigador (PDI), de Administración e de Servizos (PAS) e Persoal Empregado Investigador (PEI) afectados por esta lei.