A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC ábrese a participación de persoas, institucións, empresas e organizacións

Entrada de balde ás instalacións, utilización do servizo de consulta da biblioteca e da hemeroteca e a participación nas actividades organizadas pola asociación son algunhas das vantaxes das que se beneficiarás as persoas que se fagan socias da Asociación de Amigos do Museo de Historial Natural da USC. Ademais, quen o faga antes da celebración da primeira Asemblea Xeral do colectivo adquirirá a condición de socio fundador.
Existen distintas modalidades de adscrición a este colectivo, como socio/a numerario/a (persoas físicas maiores de idade), colectivos (persoas xurídicas), estudantes (menores de 27 anos sen traballo remunerado) ou en modalidade familiar, que reduciría á metade o prezo polo segundo adulto asociado e establecería a gratuidade para os fillos menores de 18. A inscrición –con cotas entre 30 e 10 euros– está aberta a persoas, institucións, empresas e organizacións interesadas en contribuír á protección dos recursos do museo e ao desenvolvemento das súas funcións.
Nun ano de vida das súas novas instalacións, pola edificio do Museo de Historia Natural da USC na Finca de Vista Alegre pasaron preto de 30.000 persoas, público de todas as idades pero tamén de moitos centros de toda Galicia e o Norte de Portugal e grupos significativos de turistas que xa inclúen este museo na súa ruta pola cidade. A partir de pezas que se remontan ao século XIX, doazóns e achegas institucionais e persoais, o Museo de Historia Natural que dirixe a profesora de Bioloxía da USC María Isabel Fraga reivindica a súa misión educativa e social, xa que ademais das súas tarefas de investigación e educación formal centra o seu labor na divulgación científica.
O museo e as súas xoias
Os principais espazos do museo agrúpanse arredor da Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na planta baixa, e dos apartados dedicados a Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira. A exposición permanente do MHN é un singular percorrido pola fauna e flora das augas continentais e dos bosques galegos ou pola xeodiversidade cunha detallada colección de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rochas, fósiles ou meteoritos. Tamén ten o seu espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou o litoral galego e outros ecosistemas máis lonxanos como a selva sudamericana ou a sabana africana.
O museo alberga pezas singulares de gran valor. Así, por vez primeira en España exponse unha sala dedicada ao solo, cunha reprodución a escala dun fragmento de chan cortado en sección de xeito que se poden apreciar distintos elementos que inciden na súa conformación ou a súa relación coa fauna e a flora. Uns metros antes, tamén na primeira planta, exponse unha colección única en España polo seu grao de detalle e unha das mellores do mundo de modelos de madeira coas formas xeométricas de cristalización das distintas especies minerais. É unha colección elaborada no século XIX baixo a dirección de René-Just Haüy, recoñecido como o fundador da Cristalografía.
Xunto estas dúas valiosas propostas, o Museo de Historia Natural é depositario da mellor colección de Europa e unhas das primeiras de todo o mundo no seu ámbito temático, a Colección Malacolóxica Emilio Rolán, cun volume próximo ao millón de pezas. Emilio Rolán está recoñecido como o investigador que máis especies mariñas ten descuberto e descrito, máis de 900.