A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC prepara en Lugo a xuntanza xeral que celebrará en xuño en Santiago

A xunta directiva da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) ultima en Lugo os preparativos da vindeira xuntanza xeral ordinario, no marco dunha sesión de traballo, a primeira que celebra o citado colectivo na capital luguesa, na que tamén estiveron acompañados polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón.
García Herradón recibiu este mércores os membros da xunta directiva da AAAAUSC na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación de Lugo, onde se desenvolveu unha xornada de traballo na que participaron o presidente da AAAAUSC, Ángel Álvarez Prechous; o secretario, Carlos Nieves Vicente, e a tesoureira Concepción Díaz-Fierros Tabernero. Alberto Arce Arce, Antonio Díaz Otero, Isabel Vilariño Vilariño, José Santiago Pérez, Enrique Alonso Mougán e Julia Melgar Riol, que comparten a condición de vogais da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, tamén asistiron a esta sesión de traballo programada no campus de Lugo. O vicerreitor Pedro García Herradón aproveitou esta reunión para ofrecer aos representantes da AAAAUSC a posibilidade de que a devandita asociación dispoña en Lugo dun enderezo postal, a fin de que este colectivo poida acadar cada vez máis presenza na capital luguesa, un obxectivo para o que os participantes tamén suxeriron a organización de futuros encontros na cidade da muralla. Ao remate da xuntanza, os compoñentes da xunta directiva da AAAAUSC e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo compartiron unha cea de confraternidade no restaurante Fonte do Rei da capital luguesa, a cuxo responsable acordaron nomear socio protector da asociación, o primeiro que conta con esta consideración en Lugo.