Ir o contido principal

A Asociación IV Ciclo Universitario de Lugo comeza este xoves o curso académico cun relatorio sobre o románico na Ribeira Sacra

A conservadora do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Carolina Casal Chico, intervén este xoves, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber de Lugo

A Asociación IV Ciclo Universitario de Lugo comeza este xoves, día 16 de outubro, as actividades do novo curso académico cun relatorio sobre o románico na Ribeira Sacra, a cargo da conservadora do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Carolina Casal Chico.

A intervención de Casal Chico desenvolverase a partir das 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber, onde ofrecerá un relatorio baixo o título ‘O Románico da Rivoyra Sacrata: un verdadeiro laboratorio de formas’. A temática elixida para esta sesión responde ao interese da Asociación IV Ciclo Universitario de Lugo por afondar no coñecemento do Románico da Ribeira Sacra, a fin de aportar o seu particular grao de area na súa promoción para que sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Esta actividade formativa e de divulgación, coa que tamén se pretende complementar a formación recibida nas aulas do IV Ciclo Universtiario da USC, terá tamén como epílogo unha viaxe cultural á Ribeira Sacra que se celebrará o vindeiro sábado e na que a propia relatora Carolina Casa Chico actuará como guía. Os participantes nesta expedición pola Ribeira Sacra visitarán o mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, ademais de San Miguel de Eiré e San Estevo de Ribas de Sil, ademais de facer un percorrido en catamarán polo Miño desde Belesar ata o encoro dos Peares.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2014.