O Asorey menos coñecido, nunha mostra en Fonseca
O Colexio de Fonseca acollerá dende este mércores e ata o 31 de outubro a mostra ‘O Asorey descoñecido’, coa que se conmemora o 125 aniversario do nacemento do escultor e que xa se puido visitar no Pazo de Torrado de Cambados. Na exposición pode verse unha escolma de obras deste artista realizadas en distintas técnicas, moitas delas en mans de particulares e de difícil acceso para o público xeral. A inauguración da exposición, que estará complementada con outra pequena exposición na Facultade compostelá de Medicina na que o propio Asorey traballou moitos anos como escultor anatómico, terá lugar nun acto que presidirá o reitor da USC, Juan Viaño, ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca e no que tamén participan o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde; o secretario da Asociación cultural Francisco Asorey, Vicente Pérez Otero; e a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Mª José Corral. ‘O Asorey descoñecido’ mostra bosquexos, a maior parte escaiolas, pero tamén grandes esculturas en soporte fotográfico e a escasa produción pictórica do artista cambadés en pezas a lapis, óleo ou algunha ilustración. Entre as obras da exposición figuran tamén producións en madeira, bronce, mármore ou granito.