Ir o contido principal

Astronomía para nenos, cursos de manexo de telescopios ou de recursos astronómicos na rede, propostas do Observatorio Astronómico da USC na Semana da Ciencia

O programa inclúe tamén visitas guiadas, unha exposición de pósteres e dúas conferencias sobre temas de actualidade astronómica

Astronomía para nenos, cursos de manexo de telescopios ou de iniciación á astronomía, obradoiros de recursos astronómicos na rede, unha exposición de pósteres e dúas conferencias son algunhas das propostas que o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC (OARMA) vai desenvolver dende o próximo luns 10 e ata o día 24 de novembro coincidindo coa Semana da Ciencia. Este conxunto de iniciativas contan co financiamento do programa Diverciencia da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Industria e Innovación.
Iniciación á AstronomíaO programa de actividades comezará cun curso de iniciación á astronomía, de oito horas, das que catro serán de observación tanto con telescopios como a simple vista cos planisferios. O contido centrarase nas particularidades do Sistema Solar e na posición nel do planeta Terra, estrelas, nebulosas e galaxias. As sesións teóricas celebraranse o vindeiro luns 10 e o 17 e o xoves 13 e o 20, en horario de 20:30 a 21:30 horas.
De xeito paralelo, o mesmo luns 10 abrirá as súas portas unha exposición de pósteres divulgativos sobre a Terra e o Sistema Solar na que se porá de manifesto a relación do planeta cos diferentes astros e os efectos que estes producen sobre a Terra, como poden ser as mareas ou as auroras polares. Esta mostra permanecerá aberta ata o remate das actividades.
Visitas guiadasO observatorio tamén ten programado unha serie de visitas guiadas ás súas instalacións nas que se realizará unha pequena presentación da historia e funcións actuais do OARMA, mostraranse os telescopios e recursos dispoñibles e poderanse observar diferentes corpos celestes, se as condicións meteorolóxicas o permiten. Comezando o martes 11, as visitas realizaranse tamén o mércores 12, e os días 18 e 19 en horario de 21:00 a 24:00, e o venres 14, o sábado 15 e os días 21 e 22 de 19:00 a 01:00 horas.
Obradoiro de telescopiosCo obxecto de obter un mellor rendemento dos telescopios que moitos particulares adquiren, o Observatorio vai organizar un obradoiro de manexo de telescopios o sábado, día 15, de 18:00 a 21:00 horas, de xeito que ao remate da actividade os participantes terán a oportunidade de facer observacións cos seus equipos ou cos do propio centro astronómico.
Para os máis pequenosOs nenos serán protagonistas doutra das actividades programadas consistente na realización de xogos didácticos e manualidades, visita aos telescopios e observación astronómica. As dúas sesións previstas celebraranse o domingo 16 e o 23, de 17:30 a 19:30 horas, incluíndo como novidade a elaboración de material que se entregará de xeito gratuíto a todos os participantes e que tamén estará dispoñible a través da páxina web do centro.
ConferenciasNo capítulo das conferencias, están previstas dúas, o sábado 15 e o día 19. A primeira delas, correrá da man do director do OARMA José Ángel Docobo e celebrarase na Biblioteca Municipal de Vedra a partir das 18:00 horas co título ‘Astronomía e Meteoroloxía, o que podemos ver no ceo’. Seguiralle Manuel Andrade Baliño que disertará sobre ‘O evento de Tunguska un século despois’ o día 19 ás 18:00 no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo e o día 20 á mesma hora na Facultade de Matemáticas de Santiago.
O programa completarase coa celebración dun Obradoiro de recursos astronómicos na rede e software libre de astronomía. O seu obxectivo é o de prestar atención aos últimos avances neste eido, con ferramentas de maior calidade e de grande importancia á hora de achegarse ao mundo da Astronomía. Celebrarase o venres 21 de 17:00 a 21:00 horas nunha das aulas de informática da Facultade de Matemáticas.
De xeito paralelo, o Observatorio ofertará a posibilidade de realizar observacións públicas e charlas divulgativas en centros sociais e educativos, concellos e outras institucións que así o soliciten. A duración das observación será de dúas horas e a das charlas dunha hora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2008.