Astronomía para nenos, cursos de manexo de telescopios ou de recursos astronómicos na rede, propostas do Observatorio Astronómico da USC na Semana da Ciencia
Astronomía para nenos, cursos de manexo de telescopios ou de iniciación á astronomía, obradoiros de recursos astronómicos na rede, unha exposición de pósteres e dúas conferencias son algunhas das propostas que o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC (OARMA) vai desenvolver entre os días 10 e 24 de novembro coincidindo coa Semana da Ciencia. Este conxunto de iniciativas contan co financiamento do programa Diverciencia da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Industria e Innovación.
Iniciación á AstronomíaO programa de actividades comezará cun curso de iniciación á astronomía, de oito horas, das que catro serán de observación tanto con telescopios como a simple vista cos planisferios. O contido centrarase nas particularidades do Sistema Solar e na posición nel do planeta Terra, estrelas, nebulosas e galaxias. As sesións teóricas celebraranse o luns 10 e o 17 e o xoves 13 e o 20, en horario de 20:30 a 21:30 horas.
De xeito paralelo, o mesmo luns 10 abrirá as súas portas unha exposición de pósteres divulgativos sobre a Terra e o Sistema Solar na que se porá de manifesto a relación do planeta cos diferentes astros e os efectos que estes producen sobre a Terra, como poden ser as mareas ou as auroras polares. Esta mostra permanecerá aberta ata o remate das actividades.
Visitas guiadasO observatorio tamén ten programado unha serie de visitas guiadas ás súas instalacións nas que se realizará unha pequena presentación da historia e funcións actuais do OARMA, mostraranse os telescopios e recursos dispoñibles e poderanse observar diferentes corpos celestes, se as condicións meteorolóxicas o permiten. Comezando o martes 11, as visitas realizaranse tamén o mércores 12, e os días 18 e 19 en horario de 21:00 a 24:00, e o venres 14, o sábado 15 e os días 21 e 22 de 19:00 a 01:00 horas.
Obradoiro de telescopiosCo obxecto de obter un mellor rendemento dos telescopios que moitos particulares adquiren, o Observatorio vai organizar un obradoiro de manexo de telescopios o sábado, día 15, de 18:00 a 21:00 horas, de xeito que ao remate da actividade os participantes terán a oportunidade de facer observacións cos seus equipos ou cos do propio centro astronómico.
Para os máis pequenosOs nenos serán protagonistas doutra das actividades programadas consistente na realización de xogos didácticos e manualidades, visita aos telescopios e observación astronómica. As dúas sesións previstas celebraranse o domingo 16 e o 23, de 17:30 a 19:30 horas, incluíndo como novidade a elaboración de material que se entregará de xeito gratuíto a todos os participantes e que tamén estará dispoñible a través da páxina web do centro.
ConferenciasNo capítulo das conferencias, están previstas dúas, o sábado 15 e o día 19. A primeira delas, correrá da man do director do OARMA José Ángel Docobo e celebrarase na Biblioteca Municipal de Vedra a partir das 18:00 horas co título ‘Astronomía e Meteoroloxía, o que podemos ver no ceo’. Seguiralle Manuel Andrade Baliño que disertará sobre ‘O evento de Tunguska un século despois’ o día 19 ás 18:00 no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo e o día 20 á mesma hora na Facultade de Matemáticas de Santiago.
O programa completarase coa celebración dun Obradoiro de recursos astronómicos na rede e software libre de astronomía. O seu obxectivo é o de prestar atención aos últimos avances neste eido, con ferramentas de maior calidade e de grande importancia á hora de achegarse ao mundo da Astronomía. Celebrarase o venres 21 de 17:00 a 21:00 horas nunha das aulas de informática da Facultade de Matemáticas.
De xeito paralelo, o Observatorio ofertará a posibilidade de realizar observacións públicas e charlas divulgativas en centros sociais e educativos, concellos e outras institucións que así o soliciten. A duración das observación será de dúas horas e a das charlas dunha hora.