Ir o contido principal

Ata o 23 de maio poderán presentarse propostas de novos títulos para a colección Esenciais

Poderá presentar propostas o Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. FOTO: Santi Alvite
Poderá presentar propostas o Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. FOTO: Santi Alvite
Os Esenciais constitúen un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas e servirán para mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Normalización Lingüística  promove unha nova convocatoria para incorporar títulos á colección Esenciais USC, un recurso orientado a apoiar o traballo do profesorado e do alumnado nos seus diferentes papeis na docencia. Trátase de resumir, en moi poucas follas, unha materia ou unha parte significativa dela, de modo que este material acabe converténdose nunha guía de referencia que acompañe o alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos dunha materia. O prazo de presentación das propostas rematará o día 23 de maio ás 14.00 horas, tal e como establecen as bases da convocatoria.

Os Esenciais constitúen un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas e servirán para mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade. A Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, a través do Servizo de Normalización Lingüística, define esta convocatoria para apoiar e financiar a elaboración e edición dixital de quince títulos para esta colección.

Poderá presentar propostas o Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. Tanto no caso individual como no de grupo cómpre que polo menos unha das persoas participantes sexa profesorado con vinculación permanente da USC. No caso de profesorado con vinculación non permanente deberá verificar que no POD do curso actual figure que se atopa impartindo docencia expositiva ou interactiva en lingua galega.

Cada autor ou grupo de autores poderá presentar un máximo de dúas propostas. Os Esenciais que se presenten a esta convocatoria deberán dirixirse preferentemente a fornecer de maneira didáctica e resumida conceptos esenciais dunha materia ou grupos de materias dos primeiros cursos de graos universitarios. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato.

Na actualidade a Libraría Dixital da USC conta cun total de corenta títulos da colección Esenciais que poden ser consultados en liña ou descargados de xeito completamente gratuíto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2024.