Ir o contido principal

A atención educativa ao alumnado emigrante centra un seminario que comeza este xoves

Promover un debate estable sobre investigación e innovación na atención educativa á inmigración en Galicia é o principal cometido do primeiro seminario nacional sobre esta cuestión que se desenvolverá na Facultade de Psicoloxía da USC.
Entre este xoves, día 8, e o sábado 10, e baixo a dirección do profesor Miguel Santos Rego, os expertos reunidos neste primeiro seminario presentarán os resultados de importantes proxectos de colaboración á vez que favorecerán novos enfoques de formación do profesorado neste eido.
O encontro inaugurarase este xoves 8 ás 16:30 horas nun acto ao que asisten a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán; o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez; e o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Anxo Porto.
ProgramaLogo do acto de apertura terá lugar o primeiro relatorio a cargo dos responsables do seminario, os profesores Santos Rego e Mar Lorenzo, que falarán da participación das familias inmigrantes nos centros escolares, concretamente de Galicia. Deseguido terá lugar unha mesa redonda sobre a atención educativa á inmigración.
O encontro continuará nas seguintes xornadas con diversos relatorios sobre a acción orientadora e atención educativa, as estratexias de innovación e a mellora da competencia lingüística dos inmigrantes. A estas intervencións hai que sumarlle obradoiros sobre aprendizaxe cooperativa e xestión pedagóxica de diversidade cultural ou ordenadores e atención educativa, entre outras temáticas.
O sábado 10 de novembro, e logo dunha sesión na que se exporán diversas experiencias en centros educativos galegos, será o secretario xeral de Emigración o encargado, ás 13:00 horas, de pronunciar a conferencia coa que se clausure o seminario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2007.