O ateneo cultural El Albéitar de León mostra máis de 70 imaxes de Carlos Valcárcel doadas en 2003 á Universidade de Santiago
A mostra ‘Carlos Valcárcel Fotografías 1962-2002’, unha escolma de 76 fotografías de carácter etnográfico e costumista doadas en 2003polo seu autor á Universidade de Santiago de Compostela permanecerá aberta ao público ata mediados do mes de febreiro no ateneo cultural do edificio Albéitar do campus de León, onde o público interesado poderá coñecer parte do traballo fotográfico realizado polo lugués Carlos Valcárcel ao longo de catro décadas.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil, inauguraron o venres esta mostra, que chega á capital leonesa despois de permanecer exposta durante un mes no campus de Ponferrada, a onde se trasladou desde a Facultade de Formación de Profesorado de Lugo logo do interese amosado pola institución académica leonesa. O vicerreitor de Relacións Internacionais e Institucionais da Universidade de León, José Luis Chamosa González, e o director da Área de Actividades Culturais da institución académica, César Ordóñez, acompañarán aos vicerreitores do campus lugués na apertura da mostra, no transcurso dun acto no que tamén participou o integrante do Grupo Fonmiñá Eduardo Ochoa. Cronoloxía da mostra A colección ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) permite ao espectador facer un percorrido no espazo e no tempo por distintos lugares de Galicia e León a través de imaxes de fonda pegada etnográfica e cun alto valor documental que posibilitan trasladarse e coñecer outras épocas e a outros lugares sen necesidade de moverse do sitio. As contornas menos urbanas do Lugo da pasada década dos anos sesenta, xunto con imaxes pouco menos que senlleiras de bateas no río Miño, ao seu paso por Outeiro de Rei, oficios como o de toneleiro, afiador..., espazos e celebracións ben coñecidas como a Feira de Monterroso, o San Froilán, as paisaxes dos Ancares, O Courel e mesmo a recta de Vilalba son algúns dos documentos gráficos que achega esta mostra de Valcárcel, que tamén inclúe varios retratos e imaxes de persoas.