Ir o contido principal

Atopan que o elevado peso das mochilas se asocia a maiores patoloxías de lombo en escolares

Atopan que o elevado peso das mochilas se asocia a maiores  patoloxías de lombo en escolares
Atopan que o elevado peso das mochilas se asocia a maiores patoloxías de lombo en escolares
O traballo publicouno esta semana Archives of Disease in Childhood

Ata o momento era sabido que o peso das bolsas e mochilas escolares se asociaba a dor de lombo e se pensaba que podían crear patoloxías na idade adulta, cunha prevalencia que variaba en función dos países, pero existían moi poucos estudos que analizasen a relación entre o peso das mochilas e as patoloxías de escolares. Unha colaboración da Universidade de Santiago e profesionais do SERGAS acaba de confirmar esta hipótese logo dun estudo observacional realizado en máis dun milleiro de escolares galegos. A investigación publicouna esta semana Archives of Disease in Childhood, unha das revistas máis prestixiosas no seu ámbito pertencente ao grupo editorial do British Medical Journal. O equipo comprobou que as mochilas de maior peso supoñen un 50% máis de risco de dor de lombo e de posibilidades de ter patoloxías nesa parte do corpo, sendo maior o risco en rapazas que en rapaces. Ademais observouse que o 61 por cento transporta cargas que sobrepasan o 10 por cento do seu peso corporal –máximo recomendado polos expertos- e un de cada cinco escolares o 15%. O estudo levouse a cabo en 1.403 escolares de 12 a 17 anos de 11 centros educativos da Mariña luguesa, que foron pesados e tallados á vez que en días aleatorios se comprobaba o peso das mochilas. A maiores, consultouse aos seus pais, nais ou titores legais sobre o estilo de vida dos escolares e os antecedentes ou diagnósticos médicos de patoloxías ou dor de lombo de máis de 15 días de evolución no último ano. Á vista dos datos publicados no artigo ‘School children’s backpacks, back pain and pack pathologies’ os membros do grupo de investigación recomendan pór en marcha actividades preventivas e educativas dirixidas a este segmento de idade. A investigación ten como asinantes principais o profesor da Área de Medicina Preventiva da USC Alberto Ruano Raviña e a Paloma Rodríguez Oviedo, do Hospital de Burela. A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC é nodo do CIBER de Epidemioloxía Preventiva e Saúde Pública, unha entidade financiada polo Instituto de Saúde Carlos III á que pertencen os grupos deste ámbito máis competitivos de España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2012.