Os audiovisuais ‘Taquión’, ‘O niño da laverca’ e ‘Sísifo’ obteñen os premios principais do Facom Fest 2024
Os audiovisuais ‘Taquión’ de Miguel Barcia, ‘O niño da laverca’ de María Martelo e ‘Sísifo’ de Daniel Filloy son os gañadores da sección competitiva nas categorías de Ficción, Non ficción e Videoclip, respectivamente, Facom Fest. A terceira edición do festival de contidos audiovisuais organizado polo estudantado de cuarto curso do grao en Comunicación Audiovisual da USC clausurouse este xoves na Facultade coa proxección das principais obras premiadas e un concerto da agrupación Facomband, que antecedeu a Facom fest(a) de peche na Sala Sónar, coa actuación de Jade 4 e os dj sets de Tank Girl e Niandra.
Foron catro días de actividades culturais e proxeccións, que serviron para conectar o estudantado galego con profesionais do audiovisual como Javier Ferreiro, Bea Saiáns, Xaime Miranda, Bruno Arias ou a produtora Mala Herba. Precisamente, os xurados do Facom Fest combinaron a presenza desas figuras do sector con estudantes, que valoraron as máis de 30 obras a competición.
Ficción
O xurado da categoría Ficción escolleu como gañadora a obra ‘Taquión’, de Miguel Barcia, unha historia de ciencia ficción que combina vídeos caseiros con fotogramas impresos e escaneados, que foi premiada pola combinación da estética de cinema B co experimental e a posta en escena de ideas anovadoras. Nesa mesma categoría, o xurado outorgou tamén catro mencións: á dirección de fotografía de ‘Gralla’, de Daniel Filloy e Rebeca Tella, a cargo tamén de Miguel Barcia; á dirección de arte de ‘May You Live To See the Dawn’, realizada por Patricia Lleras (tamén directora da peza) e Ramón Martínez; á montaxe de ‘Porquenoncontestas???’ de Telmo Portas e ao guión de ‘Sinapse’, a cargo do seu director, Carlos Cuesta, así como a mellor dirección a Luján Monteiro por ‘Cinexín’.
Non ficción
Pola súa banda, o xurado de Non ficción seleccionou como gañadora a obra ‘O niño da laverca’, de María Martelo. Esta curtametraxe bota a vista atrás a unha infancia deconstruída, e recibe o premio, entre outros motivos, polo seu excelente tratamento sonoro e o emprego de imaxes de arquivo. Dentro da categoría, o xurado decidiu outorgar tamén unha mención á montaxe de ‘Susurros do enxebre’, de Candela Conde, directora e responsable tamén deste aspecto.
Videoclip
O xurado de Videoclip seleccionou como gañador o ‘Sísifo’ de Daniel Filloy, cuxa dirección estivo a cargo do colectivo Valodemo. Este proxecto acompaña a instrumentación da canción recollendo en tempo real unha performance de movemento expresivo e foi escollido polo seu aproveitamento do espazo e o salientable xogo de iluminación salientable xogo de iluminación. Dentro da categoría, o xurado engadiu unha mención á mellor dirección de foto a Martín Carrera por ‘Trilero’ e a mellor montaxe a Daniela Rey por ‘May’.
Outros premios
A maiores, esta edición contou con tres novas distincións con respecto ás pasadas entregas do Facom Fest. Por un lado, representantes do certame coruñés Novo Enfoque, festival colaborador desta edición, seleccionaron para unha mención honorífica o videoclip ‘Mi Cruz’, froito da colaboración do artista West srk co director Miguel Barcia, multipremiado nesta edición.
Do mesmo xeito, as espectadoras e espectadores outorgaron por primeira vez un Premio do público, cualificando as obras despois de cada bloque de proxeccións ao longo da semana. Este recoñecemento foi para a peza de non ficción ‘Bajando a Graná, subiendo al Albayzín’, de Nayra Gallardo. Tamén se deuse a coñecer o nome do gañador do concurso fotográfico de creación rápida organizado dende o festival en colaboración co Club de Foto Facom, sendo para David Alján Lusquiños o primeiro premio e para Clara Tomé Mariño, o segundo.