A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebra o seu vixésimo aniversario
A Aula de Produtos Lácteos festexou os seus vinte anos de existencia nun acto celebrado na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e presidido polo reitor da USC Juan Casares, ao que acompañaron o director xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, José Álvarez Robledo; o director do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da USC, Joaquín Garrido; e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema. Juan Méndez, director da Aula, fixo memoria da actividade deste servizo da USC nestes vinte anos, nunha traxectoria case parella á expansión do campus lucense. Durante estas dúas décadas foi ampliando e consolidando as súas diferentes liñas de traballo: formación (presencial e on-line, así como a medida dos demandantes), investigación, desenvolvemento de novos produtos, asesoría e asistencia técnica a empresas, entre outros. A Aula de Produtos Lácteos chega aos seus primeiros vinte anos de percorrido inmersa nun profundo cambio, xa que está pendente da súa próxima integración no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) e do traslado ás novas instalacións que xa se están edificando, e que se agarda que estean operativas a finais do próximo ano. Francisco Sineiro, coordinador do máster en Economía e Industrias Lácteas que se imparte na EPS de Lugo, achegou aos participantes no acto as novidades deste posgrao para a próxima edición, a principal delas a súa redución a 16 meses fronte aos dous anos que duraba ata o de agora. A celebración incluíu tamén unha sesión científica a partir de dous relatorios: Gregory Palomo, da área de queixería de Lactalis Iberia, falou sobre a importancia do I+D no sector queixeiro, mentres que Marco Antonio Delgado, director de I+D de Leche Pascual, pechou a sesión cun relatorio titulado ‘Perspectivas en I+D en leites de consumo e leites fermentados’. Á conclusión do acto ofreceuse unha degustación de diferentes variedades de queixos españois.