A Aula de Produtos Lácteos de Lugo presenta os actos de celebración do seu vixésimo aniversario

A Aula de Produtos Lácteos da USC cumpre vinte anos, durante os cales foi consolidando as súas diferentes liñas de traballo: formación, investigación, desenvolvemento de novos produtos, asesoría e asistencia técnica a empresas, entre outros. Con motivo deste aniversario, os responsables da Aula organizan para o martes 26 unha serie de actos conmemorativos, que se desenvolverán no salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e aos que asistirá o reitor da USC, Juan Casares. O mércores 20, ás 11.00 horas, terá lugar a rolda de prensa de presentación desta celebración no edificio da vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo. No acto interveñen o vicerreitor Pedro García Herradón, o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; e o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega.