Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo presenta os actos de celebración do seu vixésimo aniversario

De esquerda a dereita, Pablo Ramil, Pedro García Herradón e Juan Méndez, durante a presentación en Lugo dos actos do XX aniversario da Aula de Produtos Lácteos da USC
De esquerda a dereita, Pablo Ramil, Pedro García Herradón e Juan Méndez, durante a presentación en Lugo dos actos do XX aniversario da Aula de Produtos Lácteos da USC
A xornada conmemorativa terá lugar o martes 26 na Escola Politécnica Superior e incluirá un acto institucional presidido polo reitor da USC

A Aula de Produtos Lácteos da USC cumpre vinte anos, nunha traxectoria case parella á expansión do campus lucense. Durante estas dúas décadas foi ampliando e consolidando as súas diferentes liñas de traballo: formación (presencial e on-line, así como a medida dos demandantes), investigación, desenvolvemento de novos produtos, asesoría e asistencia técnica a empresas, entre outros. Con motivo deste aniversario, os responsables da Aula organizan para o martes 26, a partir das 16.30 horas, unha serie de actos conmemorativos, que se desenvolverán no salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e aos que asistirá o reitor da USC, Juan Casares. Na rolda de prensa de presentación desta celebración participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; e o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega. Ademais do reitor, no acto institucional do día 26 intervirán o profesor Francisco Sineiro, coordinador do máster en Economía e Industrias Lácteas que se imparte na EPS de Lugo, e que para o ano introduce a novidade de desenvolverse nun só curso, fronte aos dous das edicións anteriores. Ao seu remate, Juan Méndez fará un percorrido polos vinte anos de existencia da Aula, e adiantará os principais proxectos de cara ao futuro. A celebración inclúe tamén unha sesión científica a partir de dous relatorios. Gregory Palomo, da área de queixería de Lactalis Iberia, falará sobre a importancia do I+D no sector queixeiro, mentres que Marco Antonio Delgado, director de I+D de Leche Pascual, pechará a sesión cun relatorio titulado ‘Perspectivas en I+D en leites de consumo e leites fermentados’. Á conclusión do acto ofrecerase unha degustación de diferentes variedades de queixos españois. “Ademais, durante todo este ano estamos tamén desenvolvendo diferentes actividades formativas, entre as que destacan senllos cursos sobre aditivos e tecnoloxías lácteas”, indicou Juan Méndez, quen tamén fixo referencia ás necesidades de adaptación do sector lácteo galego para garantir a súa supervivencia “nun contexto económico moi complicado e que obriga as industrias a innovar e diversificar”. Pola súa parte, Pedro García Herradón destacou “os importantes cambios que a Aula de Produtos Lácteos da USC acometerá nos próximos meses, como o seu cambio de sede e a súa integración no Cetal [Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo]”. O vicerreitor de Coordinación do campus lucense asegurou que a construción da nova sede da Aula “se desenvolve dentro dos prazos previstos” e que podería estar operativa cara a finais de 2013; en canto á fusión co Cetal, indicou que a súa formalización está só pendente de “trámites administrativos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2012.