A Aula de Produtos Lácteos manterá unha videoconferencia múltiple con Latinoamérica para a presentación oficial de RedLeche
A Rede Latinoamericana de capacitación leiteira (RedLeche) realizará este venres 28 a súa presentación pública a través dunha videoconferencia múltiple entre a Aula de Produtos Lácteos, o CESGA de Santiago e os centros de investigación leiteira de tres países latinoamericanos.
A videoconferencia terá lugar ás 15:00 horas e consistirá na presentación das liñas principais de traballo desta asociación á que se sumará a conferencia de Lucía López Rial, pedagoga da aula luguesa, que leva por título “Teleformación en industrias lácteas”.
A RedLeche é unha iniciativa conxunta da Federación Panamericana de Lechería (FEPALE) e da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela que ten como obxectivo crear mecanismos de intercambio horizontais entre formadores da industria láctea e propiciar a creación de servizos de información, orientación e capacitación para estes formadores.
Cunha ampla oferta de cursos para os diversos actores da industria láctea, a súa finalidade é promover sinerxias entre entidades e formadores da industria láctea de Latinoamérica para o fortalecemento deste sector.
RedLeche funciona como unha comunidade virtual, con soporte central en servizos e mecanismos de comunicación electrónicos a través do portal http://www.redleche.org, que está operativo dende o 7 de marzo.
Esta primeira videoconferencia contará con cinco conexións. En España estarán na Aula de Produtos Lácteos, desde onde se realizará a conferencia coa presencia do vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, e o director da Aula, Juan Méndez. En Santiago haberá outro punto de conexión no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que participa no proxecto ofrecendo o soporte técnico para o establecemento e posta en funcionamento da rede. Nese lugar estarán a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o director do CESGA, Javier García Tobío.
Nesta presentación estarán conectados tamén o Centro Nacional de Tecnoloxía de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Costa Rica (CITA), o Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Colombia (ICTA) e o Laboratorio Tecnolóxico de Uruguai (LATU).
Entre as autoridades americanas estarán presentes o secretario xeral de FEPALE, Eduardo Fresco León; o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Colombia, Juan Carulla; a directora do CITA de Costa Rica, Carmela Velázquez, e a coordinadora de Capacitación do LATU, Silvana Demichelli. Ademais, asistirán en Costa Rica representantes da Comisión de Regulamentación Técnica en Lácteos, da Cámara de Leiteiros, de empresas do sector e dos Ministerios de Agricultura e Economía.