Aula de Produtos Lácteos, un referente de formación en liña

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC reforza a súa condición de referente tecnolóxico e tamén no eido da formación para os produtores lácteos e, sobre todo para as pequenas queixerías do sueste do país a través dun seminario webinar de formación promovido pola Universidad Peruana Unión ao abeiro do Programa Nacional de Innovación Agraria de Perú, no que relatores da USC e do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, achegarán formación e información sobre técnicas e tecnoloxías apropiadas para a elaboración de derivados do leite.
O seminario en liña ‘Pasantía tecnolóxica de pequenos produtores lácteos da serra sur do Perú na APLTA da USC’, que se desenvolverá este mércores, a partir das 11.00 horas, a través da plataforma Zoom e que poderá seguirse no país andino a través do Facebook do Campus de Juliaca da Universidad Peruana Unión, constitúe unha actividade complementaria da estadía científica realizada a comezos de ano nesta instalación tecnolóxica do Campus de Lugo da USC por unha delegación de queixeiros e produtores desta rexión do sueste do Perú, unha zona na que a actividade gandeira e a produción leiteira, teñen unha importancia salientable na economía local.
A Responsable do Laboratorio de Análise Sensorial da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, Paz Fernández Albalat, abrirá a quenda de relatorios deste foro en liña cun relatorio sobre a análise sensorial como ferramenta de control para denominación de orixe do queixo. O presidente do Consello Regulador da DOP Queixo Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carrera Valín, quen estará acompañado da adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, ofrecerá unha visión global da DOP Queixo Arzúa-Ulloa, e o xerente e director técnico deste mesmo órgano regulador, Óscar Pérez Ramil, que afondará sobre o control de calidade e o proceso de certificación dunha DOP tamén participarán nesta acción formativa en liña.
Un dos cometidos principais deste webinar, no que tamén intervirán representantes do grupo empresarial leiteiro Innop Perú e da Universidad Unión, pasa pola presentación das experiencias adquiridas polos participantes na misión científica que visitou a APLTA da USC e a súa transferencia a outros produtores do sector, que tamén terán a ocasión de presentar paneis e iniciativas particulares xa desenvolvidas.
O intercambio de coñecementos entre os actores do sistema produtivo leiteiro, a presentación de propostas de mellora na cadea produtiva do leite ao queixo, a identificación de requisitos funcionais para a plataforma dixital intelixente de aprendizaxe orientada a facilitar a experiencia de capacitación a distancia e o diagnóstico de problemas e oportunidades, post pandemia da cadea produtiva e de valor do queixo, centrarán outros dos temas obxecto de análise e debate no marco deste foro.