Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos da USC busca “prender a chispa alimentaria” entre os estudantes de secundaria

Estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos da USC
Estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos da USC
O centro recibe a visita duns 130 escolares de institutos de Lugo e da Coruña na xornada de portas abertas gallo do Día Mundial do Leite

A Aula de Produtos Lácteos (APL) do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela busca “prender a chispa alimentaria” entre os estudantes de ensino secundario, segundo manifestou o director deste centro universitario, Juan Méndez Dónega, aos mozos e mozas que visitaron este venres as instalacións da APL no transcurso da xornada de portas abertas organizadas co gallo da celebración do Día Mundial do Leite, unha data fixada pola FAO coa pretensión de incentivar o consumo de produtos lácteos en todo o mundo.

Os 130 alumnos dos institutos de ensino secundario Leiras Pulpeiro e Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, así como do IES Ortigueira, de A Coruña, que visitaron a APL este venres tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións (laboratorios, planta piloto...) de que dispón este centro de investigación e experimentación da Universidade de Santiago no campus lugués, ao tempo que puideron participar en distintas sesións de cata de leites con lactosa e sen lactosa, ou mesmo de leite con chocolate. Asemade, os mozos e mozas presentes, que tiveron a oportunidade de participar en obradoiros de elaboración de natillas e de queixería, asistiron tamén a unha charla do profesor Juan Méndez Dónega, quen explicou aos asistentes algunhas das claves que moven a innovación nas industrias alimentarias. O director da Aula de Produtos Lácteos aproveitou este encontro con estudantes de ESO e BAC para animalos/as a cursar no futuro algunha das titulacións universitarias ofertadas na Escola Politécnica Superior de Lugo para logo completar estadías de prácticas e experimentación na propia Aula de Produtos Lácteos da USC.

Todos os participantes na visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo recibiron como agasallo unha camiseta e un lote de diversos produtos lácteos aportados polas empresas Clesa, Feiraco e Innolact, que son as patrocinadoras do proxecto ‘A ciencia dos alimentos’, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Escola Politécnica Superior de Lugo e financiada pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2013.