A Aula de Produtos Lácteos da USC celebra este venres o Día do Leite con visitas escolares e unha degustación de queixos galegos

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC organizará este venres unha xornada de portas abertas e unha degustación de queixos galegos co gallo da celebración do Día Internacional do Leite 2018, unha efeméride que se celebrará o 1 de xuño.
O programa de actos deseñados pola Aplta para a celebración desta data comezarán pola mañá coa visita de preto dun centenar de escolares chegados de dous centros educativos da provincia, como o son o CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, e o CPR A Milagrosa, de Lugo, e terán continuidade en quenda de tarde coa xornada de portas abertas das instalacións e a degustación de queixos galegos.
O obxectivo destas actividades pasa aproveitar a celebración do Día Internacional do Leite para fomentar o consumo de produtos lácteos entre a poboación, ademais de para achegar información que permita á sociedade comprender mellor os procesos de elaboración de lácteos. Dar a coñecer os labores de investigación y prestación de servicios que se desenvolven na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da US é outro dos cometidos desta programación.
A programación matinal está centrada nos escolares, que, ademais de coñecer as instalacións da Aplta, tamén poderán participar en distintos obradoiros de elaboración de queixos e iogures , ademais de asistir a charlas informativas sobre alimentación saudable, participar en catas produtos lácteos infantís... Do mesmo xeito que en anos anteriores, os máis pequenos tamén poderán gozar coa visita da mascota e dalgúns xogadores do CB Breogán. Os escolares tamén recibirán como agasallo unhas camisetas conmemorativas e un caderno de actividades relacionadas co mundo lácteo, ademais dun lote de produtos por xentileza das empresas colaboradoras: Feiraco, Capsa, Innolact, Casa Grande de Xanceda e Puleva.
Xornada de portas abertas
A xornada de portas abertas da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, unha iniciativa a través da que este centro universitario busca achegar á sociedade o seu traballo de I+D+i, así como as súas potencialidades para a prestación de servizos, desenvolverase en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas e ata as 20.00 horas.
A programación desta celebración rematará coa degustación de máis de 15 tipos de queixos galegos, sobre os que achegarán información os propios produtores ou fabricantes. Ademais das queixerías participantes nesta cata, os responsables da Aplta do Campus Terra da USC destacan tamén a colaboración recibida do Concello de Lugo e doutras empresas como Grupo Da Cunha, Vía Romana o Cafés Candelas, que ofrecen pan, viño e café, respectivamente, como complemento da degustación de queixos.