Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos da USC rexistra uns 100 contratos anuais cun perfil de clientes moi variado, sinala Méndez Dónega

Asistentes a xornada de divulgación sobre tipoloxía da innovación no sector leiteiro en Verín
Asistentes a xornada de divulgación sobre tipoloxía da innovación no sector leiteiro en Verín
O coordinador da Aula de Produtos Lácteos da USC e o investigador Jaime Magdalena analizan en Verín a tipoloxía da innovación no sector leiteiro nun ciclo divulgativo

O profesor de Industrias Lácteas na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e coordinador da Aula de Produtos Lácteos (APL) da USC, Juan Méndez Dónega, destaca a intensa actividade desenvolvida neste centro universitario que “cada ano rexistra uns 100 contratos anuais cunha tipoloxía de clientes moi variada, desde grandes empresas ás que se apoia no desenvolvemento de produtos e de tecnoloxías máis ou menos sofisticadas, a artesáns que procuran a legalización das súas queixerías”.

Méndez Dónega realizou estas declaracións en Verín no marco dunhas xornadas divulgativas sobre tipoloxía da innovación no sector lácteo, nas que tamén salientou as dúas características que diferencian a APL doutros laboratorios da USC, tales como o son a dispoñibilidade dunha planta piloto ou a diversidade dos cometidos e das accións que desenvolve o persoal e os investigadores deste centro universitario. A planta piloto da APL está dotada da máis moderna tecnoloxía do sector a escala semi-industrial, o que facilita o escalado dos desenvolvementos realizados para as empresas, aínda que tamén encarece e dificulta outros proxectos de investigación máis fundamentais, comentou. Méndez Dónega explicou que as instalacións da APL constan de recepción e estandarización, produtos fermentados e postres lácteos, queixería de pastas prensadas, filtración selectiva e UHT. A estas prestacións cómpre engadir as facilidades analíticas, en especial en propiedades físicas e análise sensorial, dixo, para logo engadir que a nova sede da APL disporá tamén de instalacións de deshidratación e secado, esterilización de produtos viscosos, queixería de pasta branda e pasta fiada, xeados e numerosas operacións unitarias. A diversidade e a evolución da actividade desenvolvida na APL foi outro dos aspectos sinalados por Méndez Dónega, quen fixo fincapé en que a actividade deste centro universitario evolucionou co paso do tempo da formación continua á asesoría e, sobre todo, á realización de proxectos e de contratos coas empresas do sector, xa sexa con financiamento privado ou público-privado. Destacou ademais que a Aula de Produtos Lácteos da USC ten unha área horizontal de teleformación no ámbito lácteo que tamén dá soporte a outros organismos públicos en ámbitos non alimentarios. O coordinador da Aula de Produtos Lácteos Juan Méndez Dónega, acompañado por Jaime Magdalena Vera, investigador na Aula de Produtos Lácteos da USC, tratan este venres en Verín o tema Tipoloxía de innovación no sector lácteo, nunha dobre sesión moderada polo xornalista Jesús Salgado Álvarez. A xornada matinal, dirixida a estudantes dos IES García Barbón e Xesús Taboada Chivite de Verín, complétase cunha sesión vespertina e aberta ao público na Casa da Cultura da localidade ourensá. Méndez e Magdadela fixeron fincapé nas actuacións que se realizan na Aula de Produtos Lácteos e que os investigadores analizaron en tres grupos. Un primeiro, no que se engloban os proxectos e contratos de innovación avanzada e/ou disruptiva, que son aqueles nos que conflúen as novas tecnoloxías cos novos hábitos de consumo. “Acostuman ser proxectos de alto risco que se realizan en ámbitos nos que non existen demasiados precedentes e nos que as tecnoloxías existentes levan moito tempo sen cambiar”, indicaron, para logo precisar que entre os resultados destas actividades, está o único leite de ovella UHT do mundo ou a primeira gama de queixos elaborados a partir de mazada de manteiga. Nun segundo grupo están os proxectos do día a día, por mor de que un centro das características da APL debe manter ingresos estables prestando servizos tecnolóxicos avanzados ou realizando desenvolvementos rapidamente rendibles para os seus clientes. “Ata hai uns anos, estes desenvolvementos centrábanse nas grandes tendencias de consumo: practicidade, pracer, saúde e responsabilidade”, lembraron, para logo engadir que e engadiron: “Hoxe moitos deses traballos céntranse no abaratamento de custos de produción, o que pode conducir ó uso indiscriminado de aditivos”. A este tipo de proxectos ou desenvolvementos de produtos hai que engadir a prestación de servizos tecnolóxicos de apoio a proxectos internos de I+D ou de control de calidade. A cita de Verín é a sexta que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. A próxima sesión será en Padrón, o vindeiro mércores 15 de outubro, e versará sobre o tema A biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas ameazadas. Juan Méndez Dónega, durante a súa intervención en Verín

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2014.