A Aula de Teatro inicia o novo curso escénico coa celebración das probas de acceso á compañía teatral
A Aula de Teatro da USC iniciará o novo curso escénico a vindeira semana coa celebración das probas de acceso á compañía de teatro universitaria. As persoas interesadas deberán acudir ás probas que se celebrarán os días 7, 8 ou 9 de setembro na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Auditorio Universitario) a partir das 18.30 horas. Do mesmo xeito, a Aula comezará a programación de formación da escola de teatro. O luns 21 de setembro está previsto un encontro informativo sobre o funcionamento de cada un dos itinerarios formativos que se poden seguir, interpretación, dirección e escrita teatral. Esta xornada celebrarase ás 18.00 horas, tamén na sala Roberto Vidal Bolaño. Ao día seguinte, o martes 22, está prevista a celebración de entrevistas coas persoas interesadas nos itinerarios de dirección e de escrita e que, previamente, participaran no encontro do luns. Xa o mércores 23 iniciarase a matrícula para todos os itinerarios e o día 5 de outubro comezarán as sesións de aula. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfonos 8818 11103 ou 8818 11021, así como no blog auladeteatrodausc.wordpress.com ou na web www.usc.es/cultura.