Ir o contido principal

A Aula de Teatro reflexiona sobre a composición e o manexo da ledicia en ‘Observacións sobre a felicidade’

Detalle do cartel da obra
Detalle do cartel da obra
A estrea da última montaxe terá lugar o vindeiro xoves, 15 de decembro, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Compostela
Santiago de Compostela

“Estamos afeitos a falar de tristura e tamén senta ben falar de felicidade”. Así define o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, a vontade que se agocha detrás da última montaxe da compañía e que leva por título Observacións sobre a Felicidade (Composición e manexo). Trátase dunha serie de textos tecidos de tal modo que a súa posta en escena sirva para matinar sobre “como entender a felicidade, como reflexionar sobre ela ou como usala”, de aí que o nome da obra leve consigo os conceptos ‘composición’ e ‘manexo’. Con textos de Aira Portos, Laura López e do propio Roberto Salgueiro, a obra estréase o vindeiro xoves, 15 de decembro, no Salón Teatro de Compostela, ás 21.00 horas.

“Falar da felicidade é falar de ciencia. A felicidade non é un asunto relativo ao espírito ou ao intanxible: é unha cuestión científica”, afírmase nun fragmento da peza teatral. “A felicidade é unha cuestión de neurotransmisores, que son as biomoléculas que transmiten información entre neuronas; ou desde unha neurona ata as glándulas ou as células do noso organismo”, continúa un dos parlamentos que integran esta obra de 50 minutos de duración e na que hai cabida para a diverxencia de puntos de vista. “O que ti digas. Pero a felicidade non é un asunto medible ou pesable. Non é algo verificable, suxeito ao esquema proba erro”, afírmase en resposta ao argumento da felicidade como asunto científico.

Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira compoñen o elenco de actores, mentres que Ximena Torrón Núñez encárgase da asistencia de dirección. “Trátase dunha promoción completamente nova”, subliña o director da Aula de Teatro.  O despacho de billetes abre dúas horas antes da función e poderán retirarse ata dúas entradas por persoa. A asistencia é de balde ata completar a capacidade da sala.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2022.