Ir o contido principal

A Aula de Teatro da USC, Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

De esquerda a dereita, Roberto Salgueiro (USC) e Fernando da Costa (Ourense) co premio de honra Marisa Soto. Foto: LaDiapo / AAAG
De esquerda a dereita, Roberto Salgueiro (USC) e Fernando da Costa (Ourense) co premio de honra Marisa Soto. Foto: LaDiapo / AAAG
O galardón foille recoñecido ex aequo xunto coa Aula de Teatro Universitario de Ourense

A Aula de Teatro da USC acaba de recibir o Premio de Honra Marisa Soto outorgado polo Asociacións de Actores e Actrices de Galicia e entregada no transcurso da gala dos Premios de Teatro María Casares. O premio foi concedido ex aequo coa Aula de Teatro Universitaria de Ourense.

Con este galardón, recoñécese o inxente labor destas dúas aulas de teatro, “auténticas canteiras para a escena profesional galega” dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos noventa do pasado século. “Varias ducias de intérpretes que, hoxe por hoxe, soben aos nosos escenarios, deron os seus primeiros pasos nestas aulas universitarias. Non poderiamos entender o teatro do aquí e do agora sen o esforzo desenvolvido por estas dúas institucións”, apunta a Xunta Directiva da asociación teatral. “Espertaron vocacións e cultivaron talentos ao longo de tres décadas, antes mesmo de que existise unha Escola Superior de Arte Dramática en Galicia, polo que merecen todo o noso aplauso, todo o noso agarimo e todo o noso respecto”, sentencia a Xunta Directiva, que tamén subliña o seu gran traballo á hora de crear “afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano”.

Deste xeito, as aulas de teatro universitario de Santiago e Ourense únense á longa lista de persoas e entidades que dende 1996 reciben este premio honorífico. Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente ou Maruxa Villanueva recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto.

Aula de Teatro de Santiago A Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela creouse en 1990 como espazo de formación e produción teatral, diversificando a súa programación nas seguintes liñas fundamentais: compañía de teatro da USC, a Escola de Teatro, programa de apoio ás compañías independentes e a organización tanto do Festival Internacional de Teatro Universitario coma da Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Dende a súa creación, Roberto Salgueiro encárgase da dirección da Aula.

Ao longo destes anos, un total de 1.686 estudantes pasaron polos programas de formación e a escola de teatro, 135 intérpretes formaron parte dos elencos das producións escénicas da Aula e 29 foron os asistentes de dirección.

A produción escénica da Aula de Santiago inaugurouse co espectáculo A esperar a Godot de Samuel Beckett, dirixido por Roberto Salgueiro, traducido por Francisco Pillado e con escenografía de Marcelino de Santiago, Kukas. O elenco estaba formado por Mónica García, Xosé Paulo Rodríguez, Elisa Fernández Rei, Artur Trillo e Francisco Singul Lorenzo. Dende aquela ata hoxe, a Aula levou a escena unha trintena de espectáculos, entre os que podemos destacar pezas como Cinzas (Rodrigo García, 2013); Trufaldino, servidor de dous amos (Goldoni, 2006), O velorio de Pat O’Connor (Salgueiro, 2005), O Burgués xentil home (Moliérè, 2000), La cabeza del dragón (Valle-Inclán, 1999) ou Cando chega decembro (Manuel Lourenzo, 1993).

Polas montaxes da Aula de Teatro da USC, pasaron intérpretes como César Goldi, Anabell Gago, Ursia Gago, Diego Rey, Toni Salgado, Machi Salgado, Xúlio Abonjo, Mónica Camaño, X. C. Mejuto, María Ordoñez, Marcos Correa, María Lado ou Xosé Manuel Esperante; dramaturgos como Vanesa Sotelo, Fran Godón ou Rubén Ruibal, e xestores culturais como Paulo Rodríguez, Roberto Pascual, Diego Meizoso ou Cecilia Carballido. Esta listaxe, no que se recollen só algúns nomes que hoxe por hoxe forman parte deste sector cultural, achega unha idea do enorme labor de canteira desenvolvido pola Aula.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2019.