Ir o contido principal

A Aula TIC Pemes da USC organiza o taller en liña sobre redes sociais e posicionamento web para empresas

Cartaz do curso
Cartaz do curso
O programa, que ofrece prazas limitadas, desenvolverase nos meses de xuño e xullo e inclúe actividades prácticas. O prazo de inscrición xa está aberto na web

A Aula TIC-Pemes do Campus Terra da USC mantén aberta a inscrición na segunda edición do obradoiro virtual ‘Impulsa a túa empresa en Internet: redes sociais e posicionamento web’, un novo programa formativo 100% en liña aberto tanto á participación de estudantes maiores de 16 anos e titulados, como de autónomos e empresarios, que inclúe actividades prácticas que se desenvolverán entre o 6 e o 18 de xullo.

O obxectivo deste taller non é outro que o de favorecer que as persoas inscritas aprendan a xestionar con éxito as redes sociais, Facebook, Twitter e Instagram, coa finalidade de que a presenza das empresas nas mesmas incida de forma altamente positiva na imaxe e resultados da súa actividade.

As persoas que formalicen a súa matrícula neste programa, para que se ofrecen un número de prazas limitadas e cuxa inscrición xa se pode realizar neste formulario web da Aula TIC-Pemes da USC, poderán tamén analizar as ferramentas necesarias para optimizar o posicionamento dun sitio web, mellorando a súa visibilidade nos resultados dos diferentes buscadores, o que na súas siglas inglesas se denomina SEO (Search Engine Optimization).

O curso desenvolverase integramente en liña a través dun espazo virtual habilitado para este fin e no cal os participantes terán ao seu alcance os materiais e a documentación necesaria. Cada participante contará cun titor que supervisará de forma pormenorizada a evolución e solucionará todas as súas dúbidas.

O custe xeral da matrícula é de 90 euros, aínda que as persoas vinculadas dalgún xeito á USC deberán abonar unha taxa de 50 euros. A Aula TIC-Pemes da USC ofrece tamén descontos especiais para grupos de inscritos e na actualidade está a sortearse unha praza de inscrición de balde no Facebook da Aula TIC Pemes da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2018.